O Comercial Durán emprégase a fondo para derrotar (3-2) un perigoso Zalaeta
Por Redacción
Complicado partido o que tivo que levantar o Comercial Durán da Segunda División feminina. Visitaba o Multiusos da Xunqueira o Zalaeta, quinto na clasificación, tan só un posto por baixo das pontevedresas. E tal e como se esperaba a igualdade foi a tónica xeral do encontro, tanto que as locais tiveron que empregarse a fondo para derrotar finalmente ás coruñesas por 3-2.
Foi un partido longo, de dúas horas e un minuto de duración, que non comezaba ben para o Comercial Durán. O Zalaeta saltou á pista moi centrado e grazas ao seu bo xogo impuxéronse no primeiro set por 19-25. A punto estiveron de decantar ao seu favor o segundo parcial, no que chegaron a ir gañando por 15-23. Pero un parcial de 10-0 permitiu ás xogadoras pontevedresas poñer o empate no marcador.
A igualdade repetiuse nos seguintes sets. No terceiro, o Comercial Durán volveu remontar, neste caso unha desigualdade de dous puntos, para vencer polo mesmo resultado do parcial anterior, 25-23; pero no cuarto as coruñesas volveron recuperar a liña que mostraran no inicio do encontro e venceron por un cómodo 15-25. Non foi ata o tie-break cando as xogadoras pontevedresas despregaron o seu potencial e impuxéronse por un claro 15-9.
Con esta vitoria, o Comercial Durán mantense na cuarta praza da clasificación. Suma sete vitorias e dúas derrotas, cun total de 18 puntos. O líder segue sendo o equipo coruñés do Calasancias, con oito triunfos e unha única derrota. En total, suma 24 puntos.