Prata para o Xadrez Fontecarmoa e bronce para a Escola Xadrez Pontevedra no Campionato de España sub-16
Por Redacción
O xadrez pontevedrés logrou un gran resultado no Campionato de España sub-16 por equipos celebrado o pasado fin de semana en Benidorm.
Alí o Club Xadrez Fontecarmoa colgouse a medalla de prata despois de realizar un gran torneo, sendo superados soamente polo Club Escacs La Balanguera.
O club vilagarciano acudiu á competición cunha formación composta por Julio Suárez, Juan Bayón, Lucas Abal, Andrea Dorado e Marcos Boo.
Tras eles, a medalla de bronce foi para a Escola Xadrez Pontevedra, que remontou ata lograr un metal na primeira participación do equipo nun campionato deste nivel.
Polo club lerezano viaxaron a Benidorm Alberto Portela, Miguel Rodríguez, Álvaro Maquieira e Pablo Vidal.
Ambos os dous equipos destacaron entre os 24 participantes, os mellores neste momento no ránking nacional.