Máis de 1.600 deportistas para un Campionato Cidade de Pontevedra de Taekwondo con máis xornadas que nunca
Por Diego Espiño
Pontevedra preparásese para vivir unha ponte de Defuntos con aroma deportivo grazas ao XXIV Campionato Cidade de Pontevedra de Taekwondo, que se celebrará os días 29, 30 e 31 de outubro e o martes 1 de novembro no Pavillón Municipal dos Deportes.
"Nunca se fixeron catro días seguidos de taekwondo na cidade", asegurou na presentación do evento o máximo responsable do Club Mace Sport, Miguel Cortegoso.
Durante esas xornadas serán 1.611 os deportistas que participarán na Boa Vila nunha competición que "é un referente en Pontevedra, Galicia e o Estado", defendeu o edil de Deportes, Tino Fernández.
A actividade comezará o sábado 29 co torneo infantil, precadete e junior de combate, continuando o domingo coas probas cadetes, absolutas e máster na mesma modalidade.
Xa o luns será a quenda do Campionato de España Precadete, mentres que o martes 1 de novembro será a quenda das modalidades de Técnica e Freestyle.