Tres puntos de ouro para o Pontevedra xuvenil ao impoñerse (2-0) ao Cervantes
Por Ramiro Espiño
Non tivo máis problemas o Pontevedra xuvenil que os que lle creou a súa propia dificultade para traducir en goles a superioridade técnica e de xogo exhibida no campo fronte a un Cervantes que, polo ofrecido nesta ocasión, xustificou ser serio candidato ao descenso. Os granates puideron sentenciar xa no primeiro tempo, pero faltoulles profundidade e pegada.
Otero inauguraba pronto o marcador, aproveitando un balón solto na área tras un lanzamento de esquina botado por Tomás que se estrelou directamente no poste.
Os locais non permitían ao contrario nin sequera pasar a liña central do campo, pero tampouco lograban transformar o seu dominio e ocasións en máis goles que resolvesen o partido. Iso permitiu que o conxunto cántabro se estirase lixeiramente nos minutos previos ao descanso, cunha boa ocasión que Allende cruzou en exceso.
Na segunda parte seguiu a mesma tónica. O curto do resultado non permitía despistes, pero o gol da tranquilidade tardaría en chegar e viría como consecuencia dun inxenuo penalti por mans claras de Salmones, que Bruno transforma con tranquilidade enganando a Pablo.
Foise arriba o Cervantes intentando reducir distancias, pero só conseguiu deixar en claro a súa falta de puntaría en ataque, desperdiciando dúas claras ocasións para facer gol.
Ao final tres importantes puntos que quedan na casa fronte a un rival directo na loita pola permanencia e que permiten ao Pontevedra xuvenil abandonar os postos de descenso.
PONTEVEDRA C.F. (2): Álex; Dani, Carballa, Bruno, Iago Martínez (Yago Fernández, min. 77); Jaime (Brais, min. 73), Tomás; Josiño, Mario (David, min. 63), Otero; e Agus (Abraham, min. 55).
CERVANTES C.F. (0): Pablo; Cobo, Sarabia, Pablo II, Héctor (Guemis, min. 71); Salmones (Portela, min. 79), José Manuel; Valle, Andrés, Fenoll; e Allende (Manu, min. 56).
Árbitro: ÿscar López (Pontevedra) auxiliado nas bandas por Gonzalo Gondar e Castro Alarcón. Amoestou a Carballa e Jaime, polo equipo local, e a Salmones e Manu, polos cántabros.
Goles: (1-0) Minuto 11: Otero. (2-0) Minuto 78: Bruno, de penalti.
Incidencias: Sintético da Xunqueira (Pontevedra). Uns 100 espectadores.