Reyes Estévez, padriño do medio maratón de Pontevedra, augura grandes éxitos para o atletismo español e galego en París 2024
Por Manu Otero
Entre os centenares de corredores que se deron cita esta mañá de domingo na Ponte dos Tirantes para tomar a saída do Medio Maratón de Pontevedra atopábase o campión continental e lenda do atletismo español, Reyes Estévez. Aínda que o atleta coñece ben a cidade, a súa nai e a súa muller son de Galicia, esta foi a primeira vez que correu a beiras do Lérez.
"Son embaixador de Runners Caixabank (patrocinador do evento) e antes da pandemia estiven en Pontevedra, aínda que non cheguei a competir na carreira", lembra o atleta a súa última visita á Boa Vila. O circuíto xa o coñecía tamén. "A cidade é un marco incomparable para poder correr, é unha cidade moi bonita. O circuíto, pola zona do río, é máis fresquito que noutras partes e iso nótase á hora de correr rápido", auguraba o corredor antes de tomar a saída.
Con todo, Reyes Estévez non se consideraba para nada favorito a gañar a carreira pola "tradición deportiva que ten Galicia, sempre tivo grandes fondistas e unha gran cultura atlética", recoñeceu o deportista.
Percorrer o centro da cidade e a numerosa presenza de público é outro dos atractivos do evento. "En probas como un medio maraton cando vas polo quilómetro 15 ou 16, os ánimos do público danche un extra de enerxía. Axudan moito para terminar en mellores condicións", confesa o veterano corredor non sen ocultar a dureza dunha proba tan longa.
Tras abandonar a alta competición, Reyes Estévez exerce desde hai anos como embaixador de Runners Caixabank. "Teño o título de adestrador nacional e vou facendo adestramentos a empresas, imparto charlas...", detalla o atleta o seu día a día.
Sen embago, a pandemia obrigouno a pospoñer un dos proxectos persoais que máis ilusión facíalle. Unha idea da que non se esqueceu e que volve ver agora moi preto. "Tiña previsto poñer en marcha un grupo de adestramento que leve o meu nome e leste é o ano, en breve poñereino en marcha", confesa coa intención de poder transmitir ás promesas do atletismo "os coñecementos e todo o aprendido na miña carreira profesional".
Aínda que xa non compite ao máis alto nivel, Reyes Estévez segue moi de preto o atletismo español e está convencido de que, a dous anos dos Xogos Olímpicos de París, os deportistas nacionais farán un gran papel. "O atletismo español está a conseguir moi bos resultados. Non só en fondo ou marcha, que é no que máis destacaba historicamente. Tamén en saltos ou velocidade estanse subinedo moitos enteiros. Están a facerse moi ben as cousas, en París péchase o ciclo olímpico e farase balance dos resultados, pero imos en bo camiño", asegura.
Parte desas esperanzas están postas en atletas galegos. "Galicia sempre tivo bo nivel en atletismo. Adrián Ben é o atleta con maior proxección e teno todo para que en París despunte e poida apuntar a algunha medalla. Ana Peleteiro xa está consagrada, despois da maternidade, alcanzará de novo o nivel. En Galicia hai un moi bo nivel", conclúe un atleta que viviu durante quince anos no olimpo do atletismo.
Relacionadas:
-
Reyes Estévez repite nun Medio Maratón que alcanza os 950 rexistrados
Por Redacción |
-
O Medio Maratón de Pontevedra celebrarase o 15 de outubro e abre xa o prazo de inscrición
Por Redacción |
-
Reyes Estévez e Marta Prieto, reinan no Medio Maratón de Pontevedra
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Adiántase a posta en marcha das restricións no tráfico con motivo do medio maratón
Por Oskar Viéitez |
-
O Medio Maratón celebra os seus 40 anos cun milleiro de corredores
Por Manu Otero |
-
Reyes Estévez apúntase ao Medio Maratón de Pontevedra
Por Redacción |