A falta de puntaría provoca o empate (0-0) entre Laracha e Arosa
Por Redacción
Jorge Pérez evitou que o Laracha se adiantase na primeira parte e nos primeiros compases da segunda. Logo sería a falta de puntaría dos dianteiros arlequinados a que fixera o resto para asinar un empate sen goles no complicado campo coruñés.
O Arosa foi dominado polo conxunto local nos primeiros 45 minutos, se ben as oportunidades de perigo non abundaron. A máis clara tívoa nas súas botas Kevin, pouco antes de chegarse ao descanso, pero encontrouse cunha grande intervención de Jorge Pérez, que conseguiu mandar o balón a córner.
Nada máis comezar a segunda parte de novo Jorge Pérez resultou providencial, salvando o seu equipo nos primeiros cinco minutos, ao sacar os remates de Brais e Miguel Taibo.
Sería o sinal para que os de Piscis espertasen do seu letargo e comezasen a chegar á área rival. Ramón puido marcar no minuto 59, pero mandou o seu remate alto, cando se encontraba en boa posición ante a meta rival. Un minuto máis tarde sería Pablo Pillado quen non lograra bater a Damián, e preto do final a ocasión sería para Eloy, quen tampouco acertaría co remate.
LARACHA C.F. (0): Damián; Fandiño, Javi Villar, Beto, Jorge; Yun, Edu (Rebolo, min. 73), Josiño, Kevin; Brais (Andrés, min. 83) e Miguel Taibo.
AROSA S.C. (0): Jorge Pérez; Juanjo, Martín, Alfonso, Álex Freire; Nando, Munín, Jonathan (Santiago, min. 91), Eloy; Pablo Pillado e Ramón (Quique Cubas, min. 60).
Árbitro: Miguel Ángel Pérez Cabaleiro (Vigo).
Incidencias: Campo Municipal da Laracha. Uns 150 espectadores.