A Gimnástica recompón filas co obxectivo de manterse en División de Honra
Por Diego Espiño
A Sociedade Ximnástica afronta unha nova campaña na División de Honra masculina, e xa van sete consecutivas, co claro obxectivo de conseguir a permanencia na máxima categoría do atletismo nacional.
Okutu deixa a Ximnástica tras proclamarse campión de España de salto de lonxitude en dúas ocasións
O club pontevedrés intentará non pasar os apuros da pasada tempada, cando ata o final tivo que pelexar por non descender. Para iso deberá suplir a importante baixa de Jean Marie Okutu, que despois de nove anos na entidade se marcha ao Fútbol Club Barcelona. Faino despois de proclamarse en dúas ocasións campión de España de salto de lonxitude.
O atleta achegaba unha boa cantidade de puntos nesta especialidade e nos 100 metros lisos, polo que a directiva encabezada por Ramón Touza tivo que tirar de enxeño contratando para substituílo dous deportistas, o velocista David Alejandro, cunha marca acreditada de 10.64 nos 100 metros, e o saltador David Ferrer, que acompañará a Alfonso Palomares nesta especialidade.
Precisamente Palomares, actual líder galego en triplo salto, é outra das novidades na que os técnicos teñen depositadas boa parte das esperanzas por conseguir novos puntos. Acompañarao nesta disciplina Francisco Javier Rodríguez.
Nas probas de fondo é onde a Gimnástica revolucionou drasticamente o seu plantel. En 5 quilómetros marcha chegan Álex Flórez e a nova promesa Marc Tur. Ambos os dous, con marcas por debaixo dos 21 minutos, poden segundo os adestradores loitar pola vitoria nas diferentes xornadas de competición. En 3.000 metros obstáculos pola súa banda vanse Nicolás Arrojo e Saúl Castro e chegan Jesús Manuel Cardó e o veterano Rubén Diz.
Completan o equipo atletas como Miguel Ángel Barros e Julián Ortiz en 110 metros valados, Ignacio Sarmiento e Mishael Garcia en 400 valados, Iván Valle en altura e Alberto Chávez en 400 metros lisos.