Queres ser árbitro de balonmán? A Federación Galega busca novos colexiados
Por Anxo Lourido
O presidente da Federación Galega de Balonmán, José Luis Pérez Ouro, presentou xunto ao concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, un curso de formación de árbitros deste deporte que se vai desenvolver en Pontevedra a partir do 19 de decembro no Pavillón Municipal de Deportes.
Segundo sinalou Pérez Ouro neste momento existe un déficit de árbitros ata o punto de que hai colexiados que, en cada xornada, teñen que dirixir cinco ou seis partidos. A intención é que asistan ao redor de 30 alumnos a estas clases formativas que permitan ampliar o número de árbitros que se encarguen de partidos nas categorías inferiores.
Pérez Ouro apuntou que este ano se produciu un importante incremento no número de licenzas que, neste momento, case alcanza as 7.000, cunha porcentaxe dun 35% correspondente a mulleres que practican balonmán.
As clases impartiranse os xoves e venres e as inscricións deben realizarse a través da web da Federación Galega de Balonmán.
O presidente desta institución mostrou a súa preocupación polas variacións que se queren formular na Lei do Deporte que supoñería a desaparición das federacións autonómicas de todos os deportes. Segundo sinalou, as licenzas tramitaríanse directamente coas Federacións Españolas. Pérez Ouro considera que a medida é anticonstitucional e que, se se aproba, rematará por provocar un importante conflito entre os diferentes estamentos deportivos.