Desaxuste horario na próxima xornada de Terceira División que durará sete días
Por Diego Espiño
A participación da Selección Galega de Afeccionados na fase inicial da Copa de Rexións UEFA, onde Galicia quedou encadrada no grupo con sede en Ceuta, obrigou a cambiar o groso da xornada 17 na Terceira División.
Non obstante algúns equipos decidiron cambiar de data provocando que a xornada se prolongue por espazo de sete días.
O primeiro en xogar será o Arosa, visitando este mesmo venres, día 6 de decembro, ao Laracha (17:00 horas no Municipal de Laracha) aproveitando que nin os de Piscis nin o seu rival achegan xogador ningún ao combinado galego.
Tampouco foron convocados xogadores do Pontevedra, peró si tres do seu rival, o Club Deportivo Boiro, que tras un primeiro achegamento para disputar o encontro este domingo, día 8, finalmente preferiu esperar que regresen de Ceuta Hugo Soto, Adrián Armental e Marcos Rodríguez e poidan así ser da partida nun encontro de vital importancia para ambos os dous conxuntos.
Así o partido se xogará no Estadio Municipal de Pasarón o xoves día 12 ás 20:45 horas, evitando de paso a coincidencia co encontro de Copa do Rei de Balonmán que o Teucro ten fixado á mesma hora o mércores 11.
O Pontevedra-Boiro será o choque que peche definitivamente unha xornada que conta co seu groso competitivo un día antes, o mércores 11 de decembro, cuns horarios do máis variado: Deportivo B-Dorneda (18:00 horas); Barbadás-Somozas (19:45); Ás Pontes-Cultural Areas (20:00); Negreira-ÿrdenes (20:00); Rápido de Bouzas-Choco (20:30); Alondras-Villalbés (20:30); Betanzos-Grixoa (20:30) e Cerceda-Bertamiráns (20:30).
CATRO PARTIDOS ADIANTADOS NA REXIONAL PREFENTE
Aproveitando a festividade do venres 6 de decembro a décimo sexta xornada no Grupo Sur da Rexional Preferente contará tamén con disparidade de horarios.
Entre os catro partidos que se adiantan ao venres encóntrase ao que enfronta ao Xuventú Sanxenxo e Pontellas en Baltar de Arriba (16:30 horas) ou a visita do Unión Grove ao campo do Rápido de Baía (16:30).
Para o horario habitual de domingo quedan encontros como o Villalonga-Caselas (San Pedro, 17:00 horas), Ourense B-Pontevedra B (16:30), Atios-Portonovo (16:30) ou Barco-Ribadumia (16:15).