Primeiro triunfo da tempada para o Pontevedra Rugby a costa do Zalaeta (57-7)
Por Redacción
Á quinta ocasión chegou o primeiro triunfo do Pontevedra Rugby Club na Primeira Territorial Galega na súa estrea na categoría.
O conxunto lerezano cargouse de moral tras impoñerse de xeito claro ao Zalaeta Arteixo (57-7) no campo de Monte Porreiro.
Recuperado o equipo da praga de baixas que estaba a sufrir, os de Chamy Doval mostráronse superiores ao seu rival, aínda que o resultado pode resultar enganoso ante a resistencia do Zalaeta.
Os visitantes comezaron con forza o partido (5-7), pero dende o minuto 10 o Pontevedra RC foise crecendo para rematar a primeira parte en vantaxe (15-7).
No segundo tempo a defensa do Zalaeta baixou o seu rendemento, o que aproveitaron os locais para ampliar o marcador.
Con este triunfo o Pontevedra Rugby sitúase en sexto lugar con oito puntos, a tres do terceiro clasificado e rival na cidade de Lérez, o Mareantes.
SETE XOGADORES DO PRC CON GALICIA SUB-21
A Selección Galega sub-21 incluíu na súa convocatoria para preparar o Campionato de España a sete xogadores do Pontevedra Rugby Club.
Trátase de Álvaro Caride-Tabares, José María Regueiro, Javier Arca, Daniel López, Antón Díaz, Nicolás Díaz e Francisco Durán.