Tres erros defensivos castigan o Pontevedra B que cae (2-3) fronte ao Lalín
Por Ramiro Espiño
Dous goles en pouco máis de quince brillantes minutos. Logo tres graves erros defensivos que permitiron a reacción do rival deixando escapar tres importantes puntos fronte a un rival directo na loita pola permanencia. O Pontevedra B fixo todo. O bo e o malo. Tivo o partido nas súas mans, pero permitiu que o Lalín se repuxese, botase man do seu maior oficio, e se levase a vitoria.
Un gran gol de Collazo, aos seis minutos de xogo. Un segundo gol de Diego, aos 16 minutos, en sensacional xogada do mesmo Collazo. O Lalín que non sabía de onde lle chegaban os paus, pero decidiu tirar de experiencia. Os seus xogadores ensinaron os tacos aos rivais e o filial granate empezou a sufrir.
Fíxoo primeiro cun gol tras conceder o Pontevedra B unha falta evitable xunto á bandeirola de corner. O remate de Kevin, sen ninguén que o estorbase no salto, era o primeiro sinal de preocupación. E os locais descompuxéronse. Se antes chegaban doado e con claridade, apareceron as dúbidas. Máis cando nun balón colgado sobre a área granate, Adrián sae con escasa contundencia. Intenta atrapar o balón e déixao morto para que Quiroga aproveite o regalo e empate a porta baleira.
Ía pouco máis de media hora, pero os pontevedreses non reaccionaron. Nin sequera na segunda parte, na que se contaxiaron do xogo visitante. Fútbol directo, sen transición, para o que os lalinenses están mellor dotados.
Ata que na recta final chegou a rúbrica a unha mañá negada da zaga local. Puyi comete un inocente penalti sobre Quiroga, que Marc transforma dando a vitoria ao Lalín.
PONTEVEDRA B (2): Adrián; Puyi, Marou, Emilio (Costa, min. 63), Uru; Héctor, Kevin Presa; Víctor (Marwan, min. 70), Collazo, Félix (Paco, min. 46); e Diego (Pedro, min. 82).
C.D. LALÍN (3): Michi; Suso, Kevin, Marc, Ferreiro (Manu, min. 78); Imanol; Dani Méndez, Maceiro (Pitu, min. 86), Damián (Xián, min. 68), Quiroga; e David Soares (Denís, min. 90).
Árbitro: Correia Escudero (Vigo), auxiliado nas bandas por Gil Escudero e Martínez Míguez. Expulsou con vermello directo a Uru, do Pontevedra B, no minuto 83. Amoestou a Uru, Marou e Héctor, polo equipo local, e a Marc, Imanol, David Soares, Dani Méndez e Damián, polo Lalín.
Goles: (1-0) Minuto 6: Collazo. (2-0) Minuto 16: Diego. (2-1) Minuto 25: Kevin. (2-2) Minuto 33: Quiroga. (2-3) Minuto 83: Marc, de penalti.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 100 espectadores.