Saltos de 'gran altura' na praza da Ferrería da man da Gimnástica
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Os mellores saltadores galegos déronse cita este sábado na praza da Ferrería para celebrar unha nova edición do Saltar na Rúa, a festa deportiva que todos os anos organiza a Sociedad Gimnástica de Pontevedra.
Despois de dous anos celebrándose na Ponte do Burgo, o atletismo volveu reinar no centro da Boa Vila ante a expectación de numerosos afeccionados e curiosos que puideron ver a saltadores de talla olímpica ou campións galegos.
Así, entre aplausos do público, comezou a exhibición co salto de lonxitude da man de Jean Marie Okutu (FC Barcelona), olímpico en Río 2016 e campión de España absoluto en numerosas ocasións, e Andrea Villaverde (Sociedad Gimnástica), campioa galega absoluta.
Despois foi a quenda do triplo salto con Diego Míguez (Sociedad Gimnástica), campión galego absoluto, Anxo Blanco, campión de España sub 23 en 2018, Alfonso Palomanes, récord galego absoluto de triplo salto e campión de España absoluto en 2016, Uxía Paz (Celta), cuarta no nacional sub 23 de 2022, e Marina Artemia Pérez (Sociedad Gimnástica), bronce no nacional sub 16 de pista cuberta.
Pecharon a xornada co salto de pértega de Luís Mouro, récord galego absoluto, Tomás López (Sada), campión galego absoluto, e Nerea Fernández (Adas O Barco), campioa galega absoluta.