Ampliada a liña de axudas da Deputación para formar mulleres adestradoras
Por Redacción
Aprobada unha nova liña de axudas para formar mulleres en postos de adestradoras ou técnicas deportivas en Pontevedra.
Neste segundo ano de concesión de estas axudas por parte da Deputación, a contía incrementouse en 10.000 euros máis, pasando dos 15.000 euros da convocatoria pasada aos 25.000 euros.
Para solicitar estas axudas, as interesadas poderán facelo a partir do día seguinte da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia e ata o 1 de decembro en réxime de concordancia non competitiva.
As achegas están dirixidas a propiciar o incremento do número de adestradoras e técnicas en todas as disciplinas dos equipos femininos e masculinos de base e de elite da provincia e rachar así coas actuais cifras de infrarrepresentación das mulleres neste eido.
As bases da convocatoria recalcan que o Plan integral para a actividade física do Consello Superior de Deportes amosa grandes desigualdades entre mulleres e homes, demostrando que a representación de mulleres nos cargos profesionais ou de persoal técnico só alcanza niveis de preto do 10% en relación co total.
Polo tanto, a partir desta realidade a institución provincial busca reforzar o seu compromiso coa formación das mulleres, paliar a escasa presenza feminina no ámbito do adestramento, fomentar un futuro cun maior número de mulleres en altos cargos de decisión en organizacións deportivas.
Para poder solicitar estas axudas as mulleres deberán estar empadroadas na provincia ao menos desde o 1 de xaneiro do 2022. O importe máximo da axuda recibida será de 500 euros non podendo superar o 80% da matrícula en curso.
Ademáis, deberán presentar as solicitudes preferentemente por medios electrónicos a través do formulario na sede electrónica da Deputación unha vez que se abra a convocatoria.