O CGTD destinará 20 prazas o próximo curso para os equipos nacionais de piragüismo
Por Redacción
O Diario Oficial de Galicia publicou a Orde da Secretaría Xeral para o Deporte pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas, en réxime de concorrencia competitiva, de tecnificación e rendemento deportivo para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra de cara ao próximo curso 2022/2023.
En total o número de prazas no centro de alto rendemento pontevedrés mantense nas 160 ofertadas, das que 105 (dúas máis) corresponderán a deportistas de tecnificación (87 residentes e 18 externos) que cursarán alí os seus estudos de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato. As 55 prazas restantes destinaranse aos grupos de rendemento (12 residentes).
En ambos os dous grupos resérvanse un 5% das prazas ofertadas para persoas con discapacidade, mentres que un 10% de prazas reservaas a Secretaría Xeral para o Deporte para ser ocupadas durante todo o curso académico en función de situacións de urxencia ou necesidade, cumprindo sempre os criterios de excelencia deportiva e nivel académico.
Un dos aspectos destacados o próximo ano será o número de prazas destinadas aos equipos nacionais de piragüismo que preparan en Pontevedra o ciclo olímpico de París 2024, como pasa co equipo absoluto de kaiak feminino, e que contarán á súa disposición con 20 prazas do CGTD.
Polo demais as prazas de tecnificación repartiranse da seguinte maneira segundo as diferentes modalidades deportivas: atletismo lanzamentos (4 prazas de residente), bádminton (7 prazas de residente), judo (8 prazas de residente), karate (3 prazas de residente), loita (7 prazas de residente), natación e augas abertas (6 prazas de residente), natación artística (5 prazas de residente), piragüismo slálom (4 prazas de residente), piragüismo augas tranquilas (17 prazas de residente), remo (4 prazas de residente), taekwondo (8 prazas de residente), tríatlon (7 prazas de residente), vela (4 prazas de residente) e ximnasia (3 prazas de residente).