Non tivo problemas o Pontevedra para impoñerse (2-0) a un inocente Negreira nun partido discreto
Por Ramiro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Poucas conclusións se poden sacar dun partido como este. O Negreira chegaba a Pasarón mal clasificado pero coa vitola de equipo difícil de bater, e a verdade é que non fixo xustiza aos seus números como visitante. Se non encaixou unha goleada foi unicamente debido á falta de acerto granate no remate, porque ocasións, especialmente nas accións a balón parado, concedeu sobradas para saír cun severo correctivo.
A primeira media hora de partido foi mala e aburrida. Co Negreira parapetado atrás, o Pontevedra só encontraba o recurso das accións de estratexia como arma ofensiva. Deste modo chegaba o primeiro aviso dos moitos que sufriría o cadro visitante nos lanzamentos de esquina. Feito estivo a punto de lograr un gol olímpico aos 14 minutos, como anticipo do que logo decidiría o partido.
Pero tamén como empeza a ser tradicional esta tempada no Pontevedra, aparecía o clásico regalo defensivo, que sería a primeira e case única ocasión visitante en todo o partido. Miguel despexa de cabeza en curto, deixando o balón morto ao bordo da área pequena, pero Toja non o aproveita e estrela o seu remate no longueiro.
Era o minuto 25, e a partir de aí os visitantes desapareceron no aspecto ofensivo. Pasada a media hora, minuto 33, tras unha falta Pablo remata de cabeza obrigando a Diego Penas a realizar a parada do partido, desviando o balón a corner.
Pero o que fixera ben o porteiro visitante, estragouno na acción seguinte. O lanzamento dese corner vólveo facer Feito, de novo buscando o gol olímpico, que case chega, de non ser porque Richi desvía lixeiramente de cabeza, contribuíndo a despistar a defensa e meta rival, que non poden evitar que o primeiro gol suba ao marcador.
Con vantaxe, o Pontevedra botouse voluntariamente atrás, permitindo ao rival que saíse da súa parcela, para ter máis espazos. Deste xeito o Negreira puxo de manifesto as súas carencias á hora de manobrar co balón, e especialmente para pisar con perigo o campo contrario.
Os granates volvían avisar a balón parado, por medio sempre de Feito, especialmente inspirado nos lanzamentos. A pouco de comezar a segunda parte, minuto 47, unha falta lateral faina botar diante do porteiro, pero Diego Penas logra rexeitar con moitos apuros.
Máis clara sería a seguinte acción, minuto 52, en fallo na entrega de Amoedo que deixa o balón nos pés de Pablo Lede. O xogador granate énchese de balón e manda o seu remate alto, cando estaba só para marcar.
Sería o anticipo da sentenza. O Pontevedra encontrou o que buscaba no minuto 54, cando Candela rouba un balón e o pon en longo para a carreira de Pablo Lede, que chega ata a liña de fondo e centra para que Moreira fusile de preto.
O Negreira asinou o armisticio. Pablo Lede puido ampliar a conta, de novo, como non, tras un corner. O seu remate de cabeza foi a dar á cruceta e o rexeitamento mandouno fóra por pouco David Pérez.
Quedaba media hora de partido que serviu para pouco. Unicamente para ver tres decisións arbitrais absolutamente desacertadas. A primeira unha absurda e excesiva tarxeta a David Pérez, que lle supón a quinta do ciclo e a correspondente sanción que lle impedirá xogar contra o Ordes. A segunda outra máis que rigorosa tarxeta a Bautista, que significaba a súa segunda e polo tanto a expulsión. E a terceira, quizais como consecuencia desa estraña "lei da compensación", ao non decretar penalti nun claro derrubamento de Amoedo sobre Miguel, cando o central granate lle tirara un "cano" escandaloso e íase cara a portaría.
PONTEVEDRA C.F. (2): Edu (1); Adrián (1), Pablo (1), Miguel (1), David Feito (3); Candela (2); Richi (2), Moreira (1), Pablo Lede (2), David Pérez (1); e Carnero (1).
Sustitucions: Luismi (1) por Pablo Lede, minuto 62. Caco (s.c.) por Richi, minuto 75. Santi Domínguez (s.c.) por Candela, minuto 84.
S.D. NEGREIRA (0): Diego Penas (1); Pacheco (1), Ángelo (2), Amoedo (1), Bautista (1); Jesús (1); Toja (1), García (1), Anxo (1), Alvarito (1); e Gonzalo (1).
Sustitucions: Blanco (s.c.) por García, minuto 72. Diego Gesto (s.c.) por Anxo, minuto 84. José Mari (s.c.) por Pacheco, minuto 84.
Árbitro: Pérez Prado (Lugo), auxiliado nas bandas por Rañón Vilela e Pereira Ferreira. Expulsou por dobre amoestación Bautista, do Negreira (minuto 81). Amoestou a David Pérez, polo Pontevedra, e a Gonzalo, polo Negreira.
Goles: (1-0) Minuto 34: Richi. (2-0) Minuto 54: Moreira.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 1.100 espectadores.
VESTIARIOS:
Víctor Santos: "Teño que recoñecer que o Pontevedra foi superior e lévase os tres puntos merecidamente"
VÍCTOR SANTOS: Non buscou escusas o adestrador visitante para xustificar a derrota do seu equipo: "No balance global podemos dicir que o Pontevedra foi superior. Onde máis sufrimos foi nas xogadas de estratexia, que non soubemos defender, sobre todo os corners. Dun deles veu o primeiro gol. Intentamos corrixilo na segunda parte, pero cando empezabamos a encontrarnos cómodos veu a xogada do segundo gol, logo a expulsión e xa se rematou o partido e o Pontevedra non tivo problemas. Hoxe non estivemos nada brillantes co balón, non fomos capaces de combinar, por iso teño que recoñecer que o Pontevedra foi superior e lévase os tres puntos merecidamente".
MANU FERNÁNDEZ: O técnico local pensaba que se puidera conseguir unha vitoria mesmo máis ampla: "Si, pero estanos a custar facer goles, non descubro nada novo se digo que nos custa acertar. Necesitamos moito para levarnos os partidos e hoxe non foi unha excepción. Creo que tivemos múltiples ocasións de gol, pero ao final dous goles e a partir deles foi máis doado xogar a favor de marcador. O que conta é gañar e é o que fixemos. Hoxe defensivamente a balón parado e por alto estivemos mellor do que o viñamos facendo na casa, e só concedemos unha ocasión nun erro individual. Afortunadamente rematamos o partido sen lesionados, pero perdemos a David Pérez por tarxetas, que para nós é un home importante nunha posición na que andamos moi xustos polas lesións, para o partido fronte ao Ordes".