Remontada épica e terceiro posto para Pablo Dapena no Europeo Ironman 70.3 de Elsinore
Por Almu Dapena
O regreso á competición de Pablo Dapena está a ser en grao sumo épico. Despois de conseguir dous sólidos triunfos no Mallorca Olympic Triathlon e no Challenge de Gdansk, volveu colgar medalla aínda que, esta vez, a de bronce, e nunha das probas esixentes da tempada, o Europeo Ironman 70.3 que se celebrou este domingo en Elsinore.
Pero para conseguir a medalla de bronce, Dapena tivo que pelexar contra vento e marea e remontar en varias ocasións. De feito, ao pasar polo quilómetro 45 do tramo ciclista descendera á undécima praza.
O pontevedrés saíu da auga en terceira posición cun tempo de 22:02, pero tomou a dianteira na transición aínda que seguido moi de preto polo alemán Lennart Sievers, e dos daneses Miki Taagholt e Daniel Baekkagard.
Chegou o tramo ciclista onde Pablo foi incapaz de manter o ritmo de Taagholt, Baekkagard e do tamén danés Thor Bendix, que completaba nese momento o top3.
Dapena conseguiu enganchar a un pelotón formado por 10 triatletas e seguiu con eles durante toda a carreira ciclista, oscilando entre a décima e a undécima praza.
Pero a partir do paso pola T2 o pontevedrés pelexou por abrirse oco entre os seus opoñentes e ascendeu ao posto oito, pisando, iso si, os talóns ao alemán Fabian Reuter e ao danés Alexander Mundt.
Pablo deixou a bicicleta e púxose as zapatillas de correr, aumentando o ritmo e remontando aos poucos a todo o que se lle poñía por diante. As opcións de medalla non estaban perdidas e seguiu remando ao contraxeito ata meterse no Top 4 á chegada polo quilómetro 6,3 e non saír de aí. Nese momento, Bendix (terceiro) levaba unha vantaxe de case dous minutos sobre o español.
Pero Dapena seguiu intratable e empezou a presionar ao danés, que vía como as súas opcións de medalla empezaban a perigar, sobre todo cando, tras o paso polo quilómetro 14,5, o de Pontevedra adiantábao para asentarse na terceira praza e non saír de aí.
De feito, a Bendix empezou a facerlle efecto o cansazo e descendeu ata a quinta praza. Mentres, Dapena alcanzaba a meta en terceira posición, só por detrás dos daneses Baekkagard e Taagholt.
O primeiro chanzo do podio foi para Daniel Baekkagard (3:40:11), o segundo para Miki Taagholt (3:42:12) e o terceiro para Pablo Dapena (3:44:25). Cuarto foi o holandés Youri Keulen (3:45:07) e quinto o danés Thor Bendix (3:45:31).
Con esta posición, Pablo Dapena repite o podio conseguido hai tres anos nesta mesma proba, onde Gómez Noya foi segundo.
Relacionadas:
-
Pablo Dapena estrea as cores do Tríatlon Rías Baixas
Por Diego Espiño |
-
Pablo Dapena, aspirante a estrear o palmarés do Challenge San Remo
Por Diego Espiño |
-
Pablo Dapena repetirá experiencia no circuíto PTO o 18 de setembro no US Open de Dallas
Por Redacción |
-
Pablo Dapena abandona no Mundial de Longa Distancia: "Preferí echarme a un lado y darme una oportunidad"
Por Almu Dapena |
-
Pablo Dapena, ante a súa proba fetiche, o Mundial de Tríatlon de Longa Distancia
Por Diego Espiño |
-
Pablo Dapena afronta o PTO de Canadá "con ganas de ver ata onde podemos chegar"
Por Diego Espiño |
-
A bici de Pablo Dapena, danada na súa viaxe ao PTO de Canadá: "Non estou en condicións de poder empezar a proba"
Por Diego Espiño |
-
Pablo Dapena arrasa no Challenge de Gdansk
Por Almu Dapena |
-
Pablo Dapena reaparece cun sólido triunfo no Mallorca Olympic Triathlon
Por Almu Dapena |
-
Pablo Dapena, pretempada tardía en Lanzarote coa vista posta en xuño: "Non foi un inverno sinxelo, pero mereceu a pena"
Por Diego Espiño |
-
Gómez Noya e Dapena soben ao segundo e terceiro chanzo do podio do Europeo Ironman 70.3
Por Sofía Lorenzo |