Un tempo para cada equipo e xusto reparto de puntos (2-2) entre Pontevedra B e Mondariz
Por Ramiro Espiño
Pouco fútbol na Xunqueira. Pontevedra B e Mondariz disputaron un partido de alternativas que puido gañar calquera, cun tempo para cada equipo e xusto reparto de puntos no marcador.
A primeira metade foi claramente dominada polo filial granate, que xogou máis e mellor, pero fallou na definición. Kevin Levis tivo ata tres ocasións claras para resolver o partido, pero non acertou no remate. A primeira aos 21 minutos, nun man a man co meta visitante, disparando demasiado cruzado. A segunda apenas un minuto máis tarde, resolta cun disparo frouxo, e a terceira a máis clara de todas, no minuto 39, a mandaría Toni a corner nunha excelente intervención.
A pesar diso os locais adiantábanse á saída dun corner, nun atinado remate de cabeza de Marou (minuto 40), pero co partido encarrilado chegou posiblemente a xogada clave, cando ao fío do descanso, na única chegada visitante á área, unha falta na frontal, lanzada sen perigo aparente por Alfaya, se lle escapa ao meta David e Víctor remacha baixo paus o empate.
O Pontevedra B acusou a mazada e saíu irrecoñecible na segunda parte. Incapaz de trenzar dous pases seguidos, o Mondariz fíxose dono do partido a base de pulo. Primeiro marcaba Zurdo, aproveitando un bo pase ás costas da defensa granate (minuto 54), e logo puido sentenciar Víctor (minuto 69), cun remate de Víctor que repeleu a travesa.
E se na primeira parte o Mondariz marcou na súa única chegada á área rival, nesta segunda fíxoo o Pontevedra B, que empataba por medio de Paco, na recta final, cun remate cruzado ao aproveitar un balón solto na área visitante, tras un saque de esquina, levando ao marcador un empate que fixo xustiza ao pouco visto sobre o campo.
PONTEVEDRA B (2): David; Uru, Marou, Kevin Presa (Pedro, min. 74), Alves (Cuesta, min. 74); Héctor, Paco; Ismael (Puyi, min. 55), Diego (Emilio, min. 62), Víctor; e Kevin Levis.
MONDARIZ F.C. (2): Toni; Jesús (Noel, min. 84), Juan, Doqui, Anxo; Jonás, Alfaya; Hugo Tei (Isaac, min. 57), Mario, Víctor (Nandi, min. 74); e Zurdo.
Árbitro: Gil Caldelas (Santiago), auxiliado nas bandas por Losas Otero e Maquieira Otero. Amoestou a Uru, polo Pontevedra B e a Doqui e Nandi polo Mondariz.
Goles: (1-0) Minuto 40: Marou. (1-1) Minuto 44: Víctor. (1-2) Minuto 54: Zurdo. (2-2) Minuto 87: Paco.
Incidencias: Sintético da Xunqueira (Pontevedra). Uns 100 espectadores.