Roi Márquez, de Ponte Caldelas ao Campionato de España de Boxeo Francés
Por Redacción
Ten 25 anos, chámase Roi Márquez Rincón e en pouco máis dun ano de práctica activa e competitiva é xa subcampión de España de Light Contact, unha disciplina similar ao kickboxing.
O deportista, natural de Cuñas, afronta este sábado un novo reto, o Campionato de España de Boxeo Francés (Savate), no que participará como integrante da Selección Galega na categoría de menos de 65 quilos.
Roi, enrolado nas filas do Club Xparta de Ponte Caldelas, foi recibido antes da competición no Concello, que lle brindou a súa colaboración para completar a súa equipación de cara á cita nacional.
O savate ou boxeo francés é unha disciplina deportiva de contacto que usa as mans e os pés como armas incluíndo tamén elementos do boxeo tradicional.