Máis que dous puntos en xogo para Teucro e Amenabar Zarautz no Municipal
Por Diego Espiño
Importante partido para a Sociedad Deportiva Teucro no Municipal ante o Amenabar Zarautz (sábado 20:00 horas).
Os azuis buscan dous puntos que os manteñan na zona de privilexio ante un equipo moi forte na súa cancha pero que baixa o seu rendemento a domicilio, onde só saíu vitorioso na segunda xornada (Pozoblanco).
A pesar dese dato Javier Barrios asegura non se fiar o máis mínimo dun conxunto que vive o seu segundo ano na División de Honra Prata pero que a pasada tempada xa lles derrotou no País Vasco e na presente ocupan o sexto lugar, a un só punto dos pontevedreses.
Recuperar o bo ton defensivo será clave nunha cita na que os xogadores teucristas deberán prestar especial atención ao mediano dos irmáns Aguirrezabalaga, David, un home que pode actuar de central e de lateral e que nesta liga suma case oito goles por encontro.
Barrios poderá contar con todo o plantel en perfectas condicións nun partido no que tratarán de deixar atrás os dous últimos compromisos ligueiros como visitantes, empate en Benidorm e derrota en Chapela.
A parella arbitral designada para o encontro é a composta polos valencianos Soria Fabián e Iniesta Castillo.