Estrella Galicia, novo patrocinador do Pontevedra CF? Empresa e club ultiman o acordo
Por Ramiro Espiño
Estrella Galicia pode converterse no patrocinador principal do Pontevedra C.F. nas próximas datas, en caso de cristalizar as negociacións que se veñen sostendo coa empresa cervexeira dende hai un par de semanas, e que se encontran bastante avanzadas.
De feito, na reunión que o consello de administración mantivo na noite do mércores cos abonados, o presidente José Manuel Fernández avanzou a posibilidade de pechar un importante acordo de patrocinio, aínda que sen citar a empresa en cuestión, que solucionaría practicamente os problemas de liquidez económica do que resta de tempada.
A pesar de que ninguén próximo ao club nin á firma cervexeira galega quixo facer manifestacións ao respecto, xa que as negociacións se manteñen dentro da máis absoluta reserva, segundo puido saber PontevedraViva, o acordo podería pecharse mesmo antes de que finalice a próxima semana.
En canto aos detalles, barállanse cantidades moi importantes para a economía granate por cada un dos cinco anos que se pretenden teña de duración o contrato, no que se negocia incluír ademais da publicidade nas camisetas a posibilidade de cambio de denominación do Estadio de Pasarón, que levaría vinculado ao seu nome o de Estrella Galicia. O club granate pretende alcanzar por este patrocinio uns 300.000 euros anuais.
De plasmarse o acordo, o Pontevedra uniríase ao Real Club Celta de Vigo, Real Club Deportivo de La Coruña e Club Deportivo Lugo, que xa contan co patrocinio da principal empresa cervexeira galega na súa indumentaria.
Dende o Pontevedra, non obstante, o seu presidente José Manuel Fernández négase a admitir as negociacións con Estrella Galicia: "Yo no he tenido conversación alguna con Estrella Galicia. Es verdad que estamos negociando como dije a los socios, con un patrocinador importante y que el acuerdo está muy cercano, pero de momento no podemos dar más datos, simplemente indicar que hay contactos con varias empresas que nos han pedido la máxima discreción y que su colaboración puede suponer la tranquilidad y la estabilidad económica para el Pontevedra".