Rompendo barreiras desde o fútbol pontevedrés: "Oxalá isto sirva para continuar abrindo camiño"
Por Redacción
É a primeira, pero non será a última. Sara Giráldez fixo historia ao converterse na primeira muller en xogar nunha liga federada mixta en España. Fíxoo tras debutar co Zacande-Terras de Curro na liga de Veteranos da Real Federación Galega de Fútbol.
Tras derrubar esta barreira a futbolista pontevedresa explicou á propia Federación que "oxalá isto sirva para continuar abrindo camiño e que haxa máis mulleres que se somen á competición".
Aos seus 32 anos Sara leva moitos anos xogando ao fútbol, pasando polo Marcón de fútbol sala, o Mosteiro de fútbol-7 feminino ou o Barro. De feito cando lle chegou a proposta do Zacande non puido unirse inmediatamente pola imposibilidade de contar con tres fichas tramitadas á vez (Mosteiro e Barro), pero unha vez finalizada a tempada do Mosteiro puido estrearse na liga de veteranos.
"Vivino cos nervios que pode ter un partido máis. Un chisco máis de nervios quizais, pero estivo moi ben. Sentinme moi arroupada por todos os compañeiros, que estaban encantados de que por fin fora xogar con eles. Á maior parte deles, ademais, xa os coñecía. No que máis diferencia notei foi a nivel físico. Eu son baixiña e sacábanme dúas cabezas, así que era máis complicado meter corpo", relata tras a súa estrea.
Todo un paso adiante cara á igualdade apoiado desde a Real Federación Galega de Fútbol, que foi a primeira de España en incorporar a mulleres á liga de fútbol veterano, converténdoo en mixta. De feito desde hai poucas semanas o único requisito para poder participar é a idade, xa que é necesario ser maior de 30 anos.