Tubo esquiva o quirófano e espera estar listo para comezar a segunda volta co Pontevedra
Por Ramiro Espiño
Tubo volverá aos terreos de xogo ao comezo da segunda volta, concretamente na xornada do 5 de xaneiro, na que o Pontevedra recibirá o Choco en Pasarón. Polo menos ese é o obxectivo que se marcou o xogador, tras coñecer os resultados da resonancia magnética que lle foi practicada para saber o alcance exacto da lesión sufrida no partido ante o Alondras.
As probas realizadas confirmaron unha rotura parcial do 60% do ligamento cruzado anterior do xeonllo dereito, o que permite pensar nunha recuperación nun prazo de entre 4 e 6 semanas, sen necesidade de recorrer á intervención cirúrxica, que o faría perder o resto da tempada.
O xogador recoñecía que a decisión de non se operar fora tomada de acordo co médico do club, o doutor Alberto Domínguez, e mostrábase optimista de como evolucionaba a súa recuperación, que vén realizando baixo a supervisión de Félix Fernández Cao no Centro Miguel Domínguez: "Estoy trabajando para fortalecer la pierna, haciendo ya ejercicios de apoyo e incluso con balón. De momento las sensaciones son muy buenas. No noto dolor y espero estar a punto para comenzar en enero la segunda vuelta con el equipo".