"Oitavos, vivamos outro momentazo! ", o Teucro pon en marcha unha campaña para o partido de Copa ante o Granollers
Por Diego Espiño
A directiva da Sociedade Deportiva Teucro puxo en marcha a súa maquinaria para tratar de conseguir que o Pavillón Municipal presente un grande ambiente no partido de oitavos de final de Copa do Rei ante o Balonmano Granollers o próximo 11 de decembro (20:45 horas).
Os gastos ocasionados polo desprazamento a Benidorm (preto de 4.000 euros), sumado ao déficit xerado no encontro ante o Valladolid (custo duns 1.200 euros e recadación de 740), obrigan á entidade lerezana a pedir un esforzo aos seus socios, que deberán pagar cinco euros pola súa entrada.
A ese esforzo únese unha petición do presidente azul, Carlos García-Alén, "que colaboren y animen a la gente a que asista".
O prezo fixado para os afeccionados en xeral será o de calquera partido de liga, 12 euros, pero aí é onde entra a campaña que promove o Teucro, e que propiciará que se poida acceder ao duelo pola mesma cantidade que os aboados, cinco euros.
García-Alén, acompañado de Javier Barrios, explicou en rolda de prensa a iniciativa, baseada na colaboración de diversos establecementos comerciais da cidade.
Estes comercios poderán adquirir uns talonarios cuns bonos desconto que serán repartidos entre os seus clientes. Como axuda ao club, os establecementos aboarán un euro por cada un destes bonos, sen que iso repercuta no propio cliente.
Toda esta infraestrutura ten o obxectivo principal de atraer de novo o Municipal aos afeccionados que deixaron de asistir aos partidos ante un encontro que, segundo o presidente teucrista, "es de los que crean afición y en los que merece la pena estar".
Pola súa banda o técnico azul, Javier Barrios, asegurou que o equipo contribuirá a que se poida vivir un bo espectáculo "haciendo todo lo posible para dar a la afición en pleno diciembre un momento de calor".
Barrios é consciente que o Granollers "es un equipo superior al Valladolid" pero deixa claro que "no guardaremos nada ni pensaremos que unos días después iremos a Bordils".
A pesar de todo, o feito de que a eliminatoria se dispute a partido único e en Pontevedra deixa aberta unha porta á esperanza de dar unha nova badalada, segundo defende o adestrador: "no vamos a tener la suerte de que vengan sin estudiarnos a fondo como el Valladolid, pero a ver si encontramos algún punto débil".