As peñas do Pontevedra esixen a dimisión de Lupe Murillo e a declaración de Mauricio Rodríguez como persoa non grata
Por Ramiro Espiño
A Asociación de Peñas do Pontevedra, integrada polas 17 peñas que actualmente ten activas o club granate, convocou unha roda de prensa na noite do luns na céntrica cafetería Blossom, para dar lectura a un comunicado asinado por todas elas no que mostran a súa preocupación polo estado do club.
As peñas critican duramente a xestión do anterior presidente do consello de administración, Mauricio Rodríguez Boullosa, pedindo a súa declaración como persoa non grata, así como tamén esixen a dimisión da conselleira Lupe Murillo, a quen cualifican de asesora de Rodríguez Boullosa e acentúana de "cómplice" da súa xestión.
Ademais, advirten do seu total rexeitamento a calquera consello de administración no que poidan estar ambos, así como José Manuel Dopico, indicando que si volvesen entrar no mesmo terían sempre á afección en contra.
A vicepresidenta da asociación, Milagres Tajes, a quen acompañaban Manuel Fuentes e Manu Rey, foi a encargada de dar lectura ao escrito que recollemos íntegramente a continuación:
"Para empezar gustaríanos agradecer a vosa presenza. Convocámosvos porque estamos realmente preocupados coa situación actual do noso club. Cónstanos que é moi grave e vémonos obrigados a facelo público como Asociación de Peñas que somos. Na actualidade o consello de administración sobrevive a duras penas, o presidente recolleu unha herdanza chea de irresponsabilidades e os conselleiros non realizan ningún labor específico debido á negativa a parcelar responsabilidades por parte da conselleira Lupe Murillo, evidentemente preocúpanos como pensan xerar calquera tipo de recurso e non chegamos a comprender ese interese por evitar a división de traballo entre os conselleiros.
Pagóuselle aos empregados toda a tempada pasada que estaba pendente e estase intentando facer fronte a pagos que son moi urxentes para a supervivencia da entidade. Continuamente lemos na prensa noticias sobre negociacións, sobre movementos de conselleiros e demais. Unha vez totalmente informados tras estudar os orzamentos da anterior xunta xeral de accionistas e solicitar algunha da información que se nos transmitiu na reunión co consello e institucións celebrada en agosto, temos o deber de informar ao resto da afección granate do seguinte.
Xestión de Mauricio e Lupe Murillo como asesora: 500.000 aproximadamente de perdas.
Non se pagou: 9 mensualidades a xogadores e empregados, Fenosa, Monbús, Seguridade Social, Facenda, Bufete de avogados, etc.
Atopámonos cun apartado en dietas por valor de 300.000 euros. Atopámonos con que polas mans de Mauricio Rodríguez Boullosa pasaron preto de 2 millóns de euros, incluíndo o diñeiro ingresado pola venda de Fran Rico. Por que non se pagou a Facenda? Que fixeron co diñeiro?
Tamén nos preguntamos cal é o interese que ten o expresidente en dimitir fai uns días. Non quererá volver entrar logo da xunta xeral de accionistas do día 8 de Xaneiro? Poida que acúsennos de desconfiados, pero logo de decatarnos que unha empresa relacionada con este señor controla o 3% do accionariado logo de pagar tan só 21.000 euros é normal que o sexamos. Tamén nos sorprende que este señor non efectúe a solicitude de adiamento da débeda con Facenda. Agora tócalles aos que están pero a débeda aumentou.
Tras estudar todos estes datos non nos podemos crer que a actual conselleira Lupe Murillo compareza en roda de prensa fai algún tempo encomiando a xestión deste señor, e non o entendemos porque ela como asesora ten que estar ao corrente de todas as actuacións do expresidente.
Do tema social poderiamos escribir un libro, pero fai algunhas datas xa mandamos un comunicado á prensa desta cidade recordando a enorme cantidade de faltas de respecto deste señor cara á masa social do club, polo si ou polo non recordamos algunhas delas, tales como a negativa a ceder un local á Asociación de Peñas en Pasarón sen cobrar un canon xa que si isto ocorría el tamén quería un local para a súa empresa. Ou a graciosa denuncia que presenta contra un grupo de afeccionados tralo encontro en Vilalonga na que apunta e dispara sen comprobar nin sequera se as persoas ás que denunciaba estaban presentes ese día alí. Ridículo tras ridículo.
Por todo isto esiximos o seguinte:
A dimisión da asesora do expresidente, Lupe Murillo, e de todos aqueles que sexan cómplices da xestión deste señor, queremos que se vaian, pero que antes de saír pola porta expliquen cal foi a súa responsabilidade na xestión económica do Pontevedra C.F.
Tamén pedimos que Mauricio Rodríguez Boullosa sexa nomeado Persoa Non Grata polo Pontevedra C.F. e para iso presentaremos ante o consello o correspondente escrito asinado polas 17 peñas que compoñen esta asociación e por todos os socios que apoien esta medida.
Como xa somos veteranos e sabémonos todas as xogadas posibles, gustaríanos deixar claro que esta Asociación mostra o seu total rexeitamento a un novo consello de administración no que se atopen Mauricio Rodríguez Boullosa, José Dopico ou Lupe Murillo, entendemos que eles son responsables da situación tan grave na que nos atopamos e esixímoslles que abandonen calquera idea de volver presentarse para gestionar esta entidade xa que sempre terán á afección deste equipo na súa contra".
O escrito está asinado polas 17 peñas que compoñen a asociación e que son: Fondo Granate, Myma, Helenes, Ultra Sur Miramar, Furya Granate, -5%, Referencia Granate, Resaca Granate, Quinquis, Fossa Grana, Nino Mirón, Catavento, San Breixo, Sempre Granates, Licor Granate, Granavedra e Feira Granate.
Para terminar a rolda de prensa, e a preguntas dos informadores asistentes, os representantes das peñas apuntaron que todos os integrantes do consello "teñen o seu parte de culpa, pero as persoas responsables da parte económica son Mauricio Rodríguez e a súa asesora".