Agónica vitoria (76-75) dun Peixe Galego que malgastou ata 24 puntos de vantaxe fronte o Azpeitia
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A piques estivo o Marín Peixe Galego de tirar pola borda un partido que parecía sentenciado ao descanso. Un erro no triplo sobre a bucina bastaría para que o seu rival, o equipo vasco do Azpeitia consumara unha remontada épica. Ata 24 puntos chegaron a ter de vantaxe os pontevedreses no terceiro cuarto. Finalmente lograron unha vitoria agónica, 76-75. ÿ o seu cuarto triunfo da tempada, o terceiro no pavillón da Raña.
Tras unha boa saída local (6-0), os vascos non tardaron en meterse en faena grazas ao óptimo estado de forma da súa parella interior formada por Uclés e Zyle. Con empate a 13 e tres minutos para o final do primeiro cuarto, os marinenses lograron un parcial de 12-1, que os disparou no electrónico cun cómodo 25-14.
A vantaxe ampliouse a 29-14 no comezo do segundo periodo, no que Adón e Rapier tomaron o mando do partido. Ambos, acompañados dun magnífico Albert Homs, foron clave para que o Marín Peixe Galego marchara ao descanso con vinte puntos de diferenza, 49-29, un resultado que parecía insalvable para os vascos.
E moito máis cando ao comezo do terceiro periodo, a vantaxe aumentou ata os 24 puntos (53-29), grazas a un sensacional Aramburu baixo os aros. Pero ese foi o momento no que todo cambiou. Investíronse os papeis e o Azpeitia fíxose co mando do partido. A súa parella interior, Zyle e Uclés, que anotaron 39 puntos entre ambos, e a achega dos seus xogadores exteriores fixeron que os vascos asinasen un asombroso parcial de 10-32.
O 63-61 do marcador daba outro escenario ao partido de cara á súa recta final. Un treito no que ata catro puntos arriba chegou a poñerse Azpeitia (63-67) aos tres minutos tras un triplo de Ibargutxi. Espertou o Peixe Galego a tempo e grazas a unha canastra vital de Dirugeris e un tiro libre de Homs, colocouse 76-74 a falta de sete segundos. Lasa só puido anotar un a falta de cinco segundos (76-75) e sobre a bucina Zyle fallou o triplo da vitoria.
MARIN PEIXE GALEGO (76): Manu Ferreiro (2), Luis González (10), Aramburu (13), Albert Homs (15), Al Rapier (9) -cinco inicial- Darío Suárez (5), Lucho Fernández (3), Gregorio Adón (9), Cedric (1), Dirugeris (9).
AZPEITIA (75): Xavier Assalit (6), Ander Urruti (9), Ucles (15), Zyle (24), Lander Lasa (11) -cinco inicial- Joseba Ibargutxi (3), Ibon Guridi (5), Okoye (2).
Árbitros: López Córdoba y Martín Vázquez
Parciais: 25-14, 24-15, 14-31, 13-25.
Incidencias: Partido disputado no Pavillón da Raña (Marín), correspondente á sétima xornada da Adecco Prata.