A Gimnástica asina o primeiro doblete da súa historia no autonómico por equipos
Por Redacción
A Sociedad Gimnástica de Pontevedra conseguiu o dobrete no Campionato Galego de Clubs por primeira vez na súa historia. Ourense foi o escenario da dobre xesta obtida pola escuadra lerezana, que triunfou na modalidade masculina ao conseguir 136 puntos e tamén na feminina con 128 puntos.
Trátase dun feito histórico para o conxunto pontevedrés, xa que a sección feminina levaba sen subirse o máis alto do pódium no campionato colectivo desde 1998. No cómputo global, o club sumou 264 puntos, que o converten no mellor club galego.
Cunha diferenza de 18 puntos sobre o segundo clasificado (RC Celta), o equipo masculino da Sociedad Gimnástica de Pontevedra convértese en campión galego por cuarto ano consecutivo. Os artífices do éxito foron Oriol Madi (100 ml), Sergio Rodríguez (200 ml), David Abalde (400 ml), Carlos Porto (3000 ml), Sergio Sanabria (altura), Jose Alfonso Palomanes (tripla), Víctor Gallego (peso), Carlos Revolta (martelo) e Jonathan Correa (xavelina).
Pero igualmente valiosa foi a contribución de Francisco López Smith (110 m valos), Manuel Lorenzo (3000 obstáculos) e David Ferrer (lonxitude), que foron segundos; e de Adrián Lago (800 ml), Lucas Lorenzo (400 m valos) e Santiago Ferrer (pértega), que quedaron terceiros. É de valorar tamén o esforzo realizado para achegar puntos ao club por parte de David de la Fuente (800 ml), Imanol Cardona (disco) e Manuel Hurtado (5000 m marcha).
Con nove puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado (Feminino Celta), acabaron as atletas da Sociedad Gimnástica. Para chegar a ese resultado, houbo un total de catro primeiros postos; Cristina Garrido (100 ml), Eugenia Gil (400 ml), Ana Pajarrón (400 m valos) e Andrea Villaverde (lonxitude).
Foron subcampioas Ainara Rodríguez (1500 ml), Lucía Ferrer (100 m valos), M. Artemia Pérez (triplo), Sandra Carballo (peso), Iria Filgueira (martelo) e Alba Pérez (3000 m marcha). Mentres que Carmen Vitoria González (800 ml), Isabel Caeiro (3000 ml), Aloia Vilas (altura), Lucía Ferreiro (pértega), Andrea González (xavelina) quedaron terceiras nas súas disciplinas.
Tamén achegaron puntos Eva Salvado (200 ml), Marta González (3000 m obstáculos) e Zaira Soto (disco). Ademais o equipo de remudas do 4x400 fíxose coa vitoria.