Coñece os premiados no primeiro concurso fotográfico do Medio Maratón de Pontevedra
Por Redacción
O primeiro concurso fotográfico do Medio Maratón de Pontevedra entregou este venres os premios correspondentes aos gañadores dun certámen que nace, segundo os seus responsables, con vocación de continuidade.
As tres fotografías galardoadas, xunto aos traballos finalistas, expoñeranse durante os próximos días en varios establecementos comerciais da Zona Monumental.
O primeiro premio recaeu en Víctor Lorenzo co seu traballo Desayuno con vistas. Unha foto na que o xurado valorou "a elaboración cunha óptica diferente ás outras presentadas, cunha composición deportiva e recreativa na mesma imaxe moi descritiva do Medio Maratón,".
Pola súa banda o segundo premio, Vitalidade de Carlos Martínez, obtivo recompensa "pola representación dos valores propios do deporte para todas as persoas, cunha importante mensaxe xeracional".
Para pechar o capítulo de galardoados, o xurado valorou a captura de Vanesa Nogueira, Tres correndo e unha mira, por "a perspectiva tan diferente con respecto á habitual óptica das fotografías".
Nesta primeira edición foron 32 os traballos enviados aos responsables do certámen.