O Poio Bike Club, unha entidade que transmite "ilusión e paixón" polo ciclismo
Por Redacción
Despois de dous anos sen poder facelo, o Poio Bike Club presumiu da saúde da súa canteira presentando ás súas xóvenes promesas para a nova tempada ciclista.
O club poiense, que afronta a campaña coa ilusión de consolidarse como un referente formativo na comarca, conta este curso con máis 80 nenas e nenos de diferentes idades, aos que se suman medio centenar de licenzas para deportistas adultos.
"Este club é un exemplo polo esforzo, os seus valores e a ilusión e paixón que transmiten", sinalou a edil de Deportes, Marga Caldas, tras participar na presentación.
O Poio Bike Club afronta a nova tempada coa ilusión de reeditar éxitos como o conseguido no Campionato Galego de Ciclocrós de 2021, no que se impuxo en categoría cadete.