A Federación Española fíxase en Sara Ignacio, xogadora do Voleibol Pontevedra
Por Redacción
Valiosa experiencia a que completou nos últimos días a pontevedresa Sara Ignacio dentro do Programa de Tecnificación da Real Federación Española de Voleibol.
A xogadora do Club Voleibol Pontevedra participou nunha concentración nacional Sub-15 celebrada na localidade castelán-manchega de Almagro.
Sara foi a única deportista galega na cita, xunto a outras 13 xogadoras chegadas desde diferentes puntos da xeografía española.
Segundo explicou o seu club, durante a concentración os técnicos da Federación Española realizaron unha valoración das calidades físicas e técnicas das convocadas para continuar co seu seguimento e valorar a súa posible inclusión en futuros programas de formación.