Prohibido fallar para o Arosa na Lomba na visita do pechacancelas Ceares: "É unha partido trampa"
![Diego](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/5df/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/570532d2ea-20160329-patxot-diego-espino-1009.jpg)
Por Diego Espiño
Despois de seis xornadas sen gañar, o Arosa necesita case desesperadamente un triunfo para seguir enganchado á pelexa pola permanencia na Segunda RFEF.
Neste contexto, a visita do pechacancelas Ceares (domingo, 12.00 horas) ao Estadio da Lomba aparece case como unha obrigación para conseguir os tres puntos, pero o adestrador arlequinado, Jorge Otero, avisa: "É unha partido trampa. Temos que afrontalo con moitísima seriedade".
Certo é que o cadro asturiano, con 18 puntos polos 31 dos de Vilagarcía, está practicamente desafiuzado, "pero iso faino ser máis perigoso. Non nos podemos despistar nin pensar que vai ser fácil", sinala o técnico.
O importante para Otero é manter o nivel da pasada xornada, na que empataron en Langreo, e "ter moita paciencia, con moito corazón pero coa cabeza fría".
A boa noticia da semana no Arosa foi a alta médica de Róber 182 días despois da súa operación por unha rotura do ligamento cruzado do seu xeonllo, se ben aínda é pronto para verlle ao 100% sobre o céspede. Pola súa banda o que segue sendo baixa por lesión é Alberto Martín.
O encontro entre o Arosa e o Ceares será arbitrado polo tinerfeño Alexandre González González.