Pasarón, nas quinielas para ser sede do play-off de ascenso a Segunda División
![Diego](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/5df/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/570532d2ea-20160329-patxot-diego-espino-1009.jpg)
Por Diego Espiño
A Real Federación Española de Fútbol fixo oficial a designación de Galicia como sede do play-off de ascenso de Primeira RFEF a Segunda División para as próximas tres tempadas, aprobando a candidatura presentada pola Real Federación Galega de Fútbol.
"É algo magnífico para Galicia", sinalou tras concerse a noticia o presidente do fútbol autonómico, Rafael Louzán, adiantando que agora "imos a traballar ordenadamente para ver cales van a ser os estadios para celebrar esta fase de ascenso".
Neste aspecto a candidatura galega incluía como sedes seguras o estadio de Riazor na Coruña e da Malata en Ferrol, tendo en conta que tanto o RC Deportivo como o Racing de Ferrol, xunto ao Celta B, teñen serias opcións de estar presentes no play- off, con todo non se pechou aínda os estadios que completarán o evento esta primeira tempada, e aí aparece como unha seria opción o Estadio Municipal de Pasarón de Pontevedra, así como o Estadio Vero Boquete de San Lázaro e mesmo o de Balaídos en Vigo.
"Necesitamos da colaboración de todas as administracións", afirmou Louzán.
Neste play-off de ascenso daranse cita oito equipos, clasificados entre o segundo e o quinto posto en cada un dos grupos de Primeira RFEF, estando previsto disputar dúas eliminatorias os días 8, 9, 11 e 12 de xuño.
A día de hoxe os equipos clasificados para este evento serían: RC Deportivo, Celta B, Rayo Majadahonda, Racing de Ferrol, Vilarreal B, FC Andorra, San Fernando e CD Castellón.
ALACANTE, SEDE DA FASE DE ASCENSO A PRIMEIRA RFEF
No que respecta a a Segunda RFEF, a fase de ascenso na que podería verse involucrado o Pontevedra Club de Fútbol terá lugar na provincia de Alacante do 21 ao 29 de maio. Unha designación que tamén se produce para as tres próximas tempadas.