Un Arosa "intenso, rápido, profundo e sobre todo defensivamente forte" para achegarse á permanencia
Por Diego Espiño
Momento clave na tempada do Arosa, que afronta este domingo 13 de marzo (17.00 horas) o primeiro de dous encontros consecutivos na Lomba que poden achegarlle ao obxectivo da salvación.
O primeiro en visitar o estadio arlequinado será un Real Avilés que "non está onde era o seu obxectivo a principio de tempada" pero que conta "con bos xogadores", analiza Jorge Otero sobre un rival que marcha no décimo posto con 31 puntos, dous máis que os de Vilagarcía.
O técnico cre que o camiño que achegará aos seus aos puntos pasa por "ser ese equipo que nas últimas xornadas estamos a ser na casa, intenso, rápido, profundo e sobre todo defensivamente forte".
Otero incide tamén a "concentración e atención" nas xogadas de estratexia, coas que o Avilés conseguiu a maioría dos seus goles nas últimas xornadas.
Do que non quere falar o preparador arosista é das baixas de Róber e Pedro García por lesión e de Ross e Pedro Beda por sanción, xa que "non pode ser unha desculpa".
O colexiado do encontro deste domingo será o asturiano Enrique Gao Aladro, que xa dirixiu o choque da xornada 12 na Lomba ante o Salamanca (1-0).