Carreira de emocións na Illa das Esculturas
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/5df/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/62162a5477-20220223-patxot-cross-adaptado-6438.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/037/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjK0UipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0inJL1CyrgUA_/62162a568a-20220223-patxot-cross-adaptado-6444.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/6cb/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/62163b38e2-whatsapp-image-2022-02-23-at-13.30.17-1-.jpeg)
© Concello de Pontevedra
Pasaron tres anos desde o último Campionato Galego de Campo a Través Adaptado, pausado por mor da pandemia. Tres anos nos que as persoas participantes foron perdendo o ánimo e as enerxías que lles aportaban os adestramentos, mais non as ganas. A incerteza non lles impedía preguntar aos adestradores cando volverían á acción.
Esa mesma forza de vontade acompañounas durante os últimos meses, nos que puideron retomar as preparacións en canto recibiron as primeiras datas dos campionatos organizados cada semana pola Federación Galega de Deporte Adaptado. Cada martes e xoves practicaron sen falta as diferentes disciplinas ás que se dedican como fútbol sala, atletismo, baloncesto ou natación.
Este mércores a Illa das Esculturas foi escenario de reencontros entre os diferentes clubs. Algúns participantes atopáronse coas súas amizades despois de moito tempo; outros cos seus rivais. Todos eles incapaces de conter a emoción que sentían ao poder comprobar quen obtivera un maior rendemento nos adestramentos. Cruzar a liña de meta, demostrar os seus esforzos e recoñecer a súa propia superación foi a principal recompensa para as persoas concursantes.
Nesta ocasión, a demostración era da súa capacidade para correr en circuítos naturais. Saír a competir ao aire libre supuxo un cambio na rutina, un aliciente acompañado do bo tempo e da disposición do público aplaudindo. A suma destes elementos serviu para motivar a cada deportista a dar o máximo nas carreiras.
A pesar das emocións, o equipo non estaba ao completo. Os membros máis novos tiveron que quedar na casa, xa que as súas familias prefiren ter controlado o ambiente polo que se moven mentres a pandemia aínda non estea máis relaxada. Aqueles que puideron asistir prometeron volver con anécdotas para compartir a súa experiencia co grupo enteiro.
XXVII Campionato Galego de Campo a Través Adaptado na Illa das Esculturas
Deportistas de doce clubs galegos participaron este mércores 23 no XXVII Campionato Galego de Campo a Través Adaptado, retomando a actividade desde os anos previos á pandemia
© Mónica Patxot