Así serán os oitavos de final da Copa do Rei para o Teucro
![Diego](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/5df/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/570532d2ea-20160329-patxot-diego-espino-1009.jpg)
Por Diego Espiño
A sede da Asobal acollerá o vindeiro luns, día 11 de novembro, ás 12:00 horas o sorteo dos oitavos de final da Copa do Rei de balonmán coa Sociedad Deportiva Teucro no bombo tras a xesta de eliminar ao Cuatro Rayas Valladolid.
Nesta nova rolda, a terceira xa da competición, os azuis volverán enfrontarse a un equipo da máxima categoría nunha eliminatoria que se xogará de novo a partido único no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra.
Segundo a normativa da Copa no seu novo formato, os oito gañadores da segunda fase cruzaranse cos oito equipos mellor clasificados a tempada pasada en Asobal, que se estrean no torneo do KO.
Con este criterio o rival do Teucro sairá dun bombo no que estarán o Fútbol Club Barcelona, Naturhouse La Rioja, Reale Ademar León, Balonmano Aragón, Fraikin Granollers, Helvetia Anaitasuna, Balonmano Huesca e Fertiberia Puerto Sagunto.
No outro bombo, ademais do Teucro, estarán o Ciudad Encantada, Juanfersa Gijón, Barcelona B, Villa de Aranda, Guadalajara, Ángel Ximénez e Cangas.
Salvo contratempo os partidos resultantes disputaranse o mércores 11 de decembro.
En caso de avanzar ata os cuartos de final, o Teucro enfrontaríase a un sorteo puro entre os equipos sobreviventes e unha eliminatoria a dobre partido (26 de febrebro e 5 de marzo)
Segundo establece o novo formato, os últimos catro clubs en competición accederán a unha final a catro a celebrar nunha sede aínda por determinar os días 3 e 4 de maio de 2014.