A Deputación destina 800.000 euros para axudas a clubs en competicións nacionais
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra deu o visto e prace á partida de axudas para os clubs deportivos da provincia que compiten a nivel nacional.
En concreto a institución provincial destinará a este labor 800.000 euros a entidades dunha ducia de modalidades deportivas, das que 24.000 euros serán para atletismo, 215.000 a balonmán, 140.000 euros a fútbol, 30.000 euros a tenis de mesa, 16.000 euros a judo, 140.000 euros a equipos de baloncesto, 70.000 euros a clubs de ciclismo, 40.000 a fútbol sala e 15.000 a equipos de voleibol. Ademais se reserva unha partida de 110.000 euros para outras modalidades.
"O ano pasado foron un total de 90 os clubs federados que compiten a nivel nacional os beneficiados destas axudas", lembrou a presidenta da Deputación, Carmela Silva.
As subvencións concederanse en réxime de concorrencia competitiva tendo en conta criterios como os orzamentos, o número de licenzas ou o fomento do deporte feminino e o deporte adaptado.
Estes fondos permitirán ás entidades sufragar gastos federativos, de competición, de persoal, material deportivo e atención sanitaria.