Robertas Geralavicius acada a vitoria para a Sociedad Gimnástica na Carreira Popular de Rianxo
Por Redacción
Nova vitoria dun atleta da Sociedad Gimnástica nunha proba do circuíto de carreiras populares. Robertas Geralavicius impúxose na I Carreira Popular Toffe, organizada polo Concello de Rianxo e o club de atletismo da localidade. O atleta lituano foi o máis rápido en completar os 10 quilómetros de percorrido. Parou o crono en 33.06, un minuto e cinco segundos máis rápido que o segundo clasificado.
A pesar do mal tempo, máis de 500 atletas, preto de 300 na categoría absoluta, tomaron parte no circuíto pola liña de costa do centro urbano. Geralavicius logrou resarcirse do mal sabor de boca da pasada fin de semana, na que non logrou subirse ao podio en Santiago de Compostela. Esta vez cumpriu as expectativas e dominou a proba de Rianxo desde os seus primeiros compases, demostrando o seu bo estado de forma actual.
Na proba masculina outro atleta do club pontevedrés, Fran Iglesias, realizou unha destacada actuación. Aínda que non conseguiu un posto de honra, logrou finalizar en décima posición, a dous minutos e 37 segundos do vencedor.
A Sociedad Gimnástica estivo moi preto do dobrete, xa que Cristina González foi segunda na categoría feminina. quedou a 58 segundos da gañadora, Águeda Branco (Club Atletismo Samertolameu), que acabou a carreira en 42.02. O podio completouno Marga Villaverde, do Tríatlon Motobike Pontevedra, que marcou un tempo de 43.04.