Primeira derrota do Comercial Durán na liga ao caer (0-3) contra o Galitrans coruñés
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Non puido sumar o Club Voleibol Pontevedra a súa cuarta vitoria consecutiva na Segunda División Nacional feminina. As xogadoras pontevedresas foron superadas claramente polo Galitrans Viajes Embaixador. Nun partido celebrado no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva caeron por un contundente 0-3. Con este resultado, ceden ademais o liderado da categoría.
O Comercial Durán, no que xogaron Patricia Valcárcel, Ariadna Hernáiz, Flavia Bicada, Ana Abeledo, Castro, Neira, Rodríguez, Nerea Lores, Lariño e Abal, apenas tiveron opción ante un rival que parece ser a auténtica 'besta negra' das pontevedresas. Cederon o primeiro set por 19-25 en apenas 23 minutos de xogo. E peor lle foron as cousas no segundo, no que tan só anotaron 13 puntos nos 17 minutos que durou o set.
No terceiro e definitivo set, as xogadoras locais mostraron unha tímida melloría no seu xogo, pero resultou insuficiente para superar ás coruñesas e alongar o partido. Perderon finalmente por 22-25 nunha manga que se alargou durante 24 minutos.
Con esta derrota, o Comercial Durán perde o liderado da Segunda División. Agora son cuartas con oito puntos. Supéranas Galitrans Viajes Embaixador e Calasancias Coruña, con dez e nove puntos, respectivamente; e as novas líderes, o Caldaria Voleyourense, que conta todos os seus partidos con vitorias e suma once puntos.
O equipo pontevedrés repetirá, por segunda semana consecutiva, partido en casa. As súas próximas rivais serán as xogadoras do ELLAEL Vigo Voley.