Cita co mellor taekwondo: chega o XVI Open Internacional Cidade de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Uns 1.300 deportistas de máis de 60 clubs citaranse esta fin de semana no XVI Open Internacional de taekwondo Cidade de Pontevedra. Celebrarase o sábado 2 e domingo 3 de novembro no Pavillón Municipal dos Deportes. A cidade do Lérez volverá ser o epicentro do mellor taekwondo nacional, de novo, grazas ao esforzo do Mace Sport, club que organiza unha das citas de referencia deste deporte.
Será un open "innovador" e que se adapta aos novos tempos, destacan os seus organizadores. Contará con nove zonas de combate, o que garante "un espectáculo plástico e estético impresionante", sinalou o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, que cualificou ao taekwondo como un dos deportes "estratéxicos" en Pontevedra "porque ten unha ampla práctica na cidade e porque transmite prácticas educativas que son prioritarias".
Non só pola introdución de novas tecnoloxías e grandes pantallas que permitirán aos asistentes seguir ao detalle a competición, senón porque se sumarán novas disciplinas ao programa deportivo como a modalidade freestyle infantil que, tras este Open incorporarase a todas as competicións que organice a Federación Galega de Taekwondo. Isto sitúa a Pontevedra na "vangarda mundial", segundo a súa presidenta, Mercedes Barrientos.
A competición de combates terá lugar o sábado. Entre as 9.00 e as 14.00 horas será a quenda das categorías adulto e infantil, mentres que de 16.00 a 20.00 horas saltarán ao tapiz os deportistas cadete e junior. Para o domingo pola mañá quedan as probas de pumses individual e por equipos e a disciplina de freestyle; e o punto e final porano, desde as 16.00 horas, as diferentes exhibicións de cada especialidade.
Para poder custear os gastos "cada vez maiores" que xera este campionato, os seus organizadores estableceron unha entrada de tres euros por sesión (mañá ou tarde), cinco euros por día completo e un bono para todo o Open que custa nove euros. Os menores de dez anos non pagarán entrada