O Pontevedra perde a un histórico co falecemento en Portonovo de Juan Norat
Por Ramiro Espiño
A alegría polo novo triunfo do Pontevedra no Helmático na tarde deste domingo, viuse embazada pola triste noticia do falecemento en Portonovo dun dos xogadores históricos do club granate, Juan Norat Pérez, aos 77 anos de idade.
O luctuoso feito producíase ao redor das 14:30 horas, aínda que non transcendeu ata media tarde.
Norat chegaba ao Pontevedra ao comezo da tempada 1963/64, a primeira do cadro granate na máxima categoría tras o histórico ascenso logrado o ano anterior, procedente do Portonovo, permanecendo no equipo ata a tempada 1978/79, en cuxo transcurso o club granate fíxolle unha merecida homenaxe, ao decidir poñer punto final á súa carreira deportiva, co equipo xa en Segunda B, baixo a presidencia de Eulogio Vázquez Pereira.
Foron un total de 15 as tempadas nas que Norat foi xogador do club de Pasarón, as 6 nas que os granates militaron en Primeira División, máis outras 7 na categoría de prata e as dúas últimas na recentemente creada Segunda B, nas que disputou preto de 170 partidos, conseguindo desde a súa posición de medio centro un total de 6 goles.