O pontevedrés Milo Castelo proclámase en Tenerife campión de Europa de surf
Por Manu Otero
Pontevedra conta cun novo campión continental. O surfeiro Milo Castelo proclamouse en Tenerife campión de Europa na categoría máster 40 e este xoves recibiu a felicitación do concelleiro de Deportes e tenente de alcalde da cidade, Tino Fernández.
"Foi unha grata experiencia e unha forma de gratificar o traballo de toda unha vida", dixo o deportista poñendo en valor o apoio da súa familia como clave para alcanzar este éxito. Ademais do título, Castelo logrou tamén un cuarto posto na categoría de maiores de 45. "Fun moi afortunado ao poder meterme en dúas finais, vinme con opcións, motiveime e tiven sorte", detallou.
"Quero animar a todo o mundo que xa estamos entrados en idade a que nunca é tarde para facer deporte, que a xente non deixe os hábitos deportivos porque é o mellor que temos", abundou o surfeiro que recibiu de mans de Tino Fernández un USB personalizado coa imaxe corporativa da Concellería de Deportes.
Pola súa banda, Fernández quixo destacar que "é un orgullo recibir a xente que amosa que se pode seguir facendo deporte a moi alto nivel aos 40 anos. Iso indica a importancia que ten o deporte en Pontevedra e a inmensa sorte que é ter deportistas de alto niovel en todas as disciplinas e categorías". Ademais, o concelleiro espera que este éxito sirva como "acicate para que a actividade fisica sexa un elementoi fundamental a desenvolver ao longo de toda a nosa traxectoria vital".