O Arosa foi incapaz de adaptarse ao "futbolín" do Condús e cae (1-0) ante o Dorneda
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Terceira derrota consecutiva do Arosa, que perde fol, tras un partido intenso no que o Dorneda impuxo o seu fútbol directo e as accións a balón parado, tratando de explotar as reducidas dimensións do seu terreo de xogo, que en nada favorecían as características de xogo do equipo que adestra Piscis.
A pesar de que o campo non se prestaba, o Arosa quixo ser fiel ao seu estilo, intentando ter o balón, pero o Dorneda levaba máis perigo, sempre partindo das xogadas de estratexia. Así, nunha falta lateral, Gabi Penelas conseguiu marcar, pero a acción quedaría anulada por fóra de xogo, cando apenas se xogara o primeiro cuarto de hora.
O único gol do partido chegou nunha xogada non exenta de polémica, cando no minuto 39 Nando perde o balón nunha falta que non sanciona o árbitro, o que aproveita Jorge Rebollo para sacar o contraataque que culmina Iago, cun remate dende o bordo da área que non logra desviar Jorge Pérez.
Os de Brizzola puideron ampliar a conta antes do descanso en dúas xogadas de Saúl e Héctor, que non encontraron portaría.
Piscis moveu o banco na segunda parte, en busca do empate, pero encontrouse coa lesión de José Ángel e cun Dorneda decidido a durmir o partido e que se xogase o menos posible, conseguindo que os arlequinados apenas creasen verdadeiro perigo ante a meta de Guillermo.
Por se fose pouco, a falta de seis minutos o Arosa quedaba en inferioridade ao ser expulsado Munín, por dobre amoestación.
C.D. DORNEDA (1): Guillermo; Saúl, Adrián Bouza, Cristian Paz, Jorge Rebollo; Héctor, Dapo; Gabi (Cristóbal, min. 89), Geri (Mon, min. 79), Chequi; e Iago (Jhony, min. 79).
AROSA, S.C. (0): Jorge Pérez; Juanjo (Hugo Sanmartín, min. 58), Martín, Munín, José Ángel (Alfonso, min. 46); Nando, Rivas, Jesu, Álex Freire; Ramón (Vixo, min. 68) e Eloy.
Árbitro: Caamaño Vázquez (Vigo). Expulsou o xogador do Arousa Munín, por dobre amoestación, no minuto 84. Amoestou aos locais Saúl, Héctor e Mon, e aos visitantes Alfonso, Rivas e Hugo Sanmartín.
Gol: (1-0) Minuto 39: Iago.
Incidencias: Campo Eugenio Pardo Conchado - O Condús (Oleiros). Uns 200 espectadores.