![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/524768594753f-charoyclaudiacelebran.jpg)
© Diego Torrado
Goleada do Poio F.S. a domicilio (3-7) sobre o Orvina Navarra
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Despois de tres derrotas consecutivas, o Poio F.S. reencontrouse co triunfo e fíxoo de forma contundente e convincente, ao impoñerse a domicilio en Pamplona ao Orvina Navarra, un rival que, malia non conseguir gañar ningún partido na presente tempada, resulta complicado de bater para os seus adversarios, como o proban os tres empates obtidos.
O equipo local comezou adiantándose no marcador moi pronto, aos tres minutos, tras unha xogada persoal de Maialen, que culminou cun bo remate xunto ao poste. As rapazas de Marcio Santos empataban case a liña seguida por medio de Peque, tras un roubo de balón.
A igualada deu paso a uns minutos de xogo sen control, dos que sacou froito o Poio, tomando a dianteira con dous goles consecutivos de Ceci e Charo, en apenas dous minutos, establecendo o resultado co que se chegaba ao descanso.
Ao regreso dos vestiarios o Orvina intentou poñer máis intensidade ao seu xogo, conseguindo reducir distancias por medio de Mai Garde, cun remate cruzado.
Pero a reacción navarra quedou abortada co gol en propia porta de Cristina Reyero. As locais acusaron o golpe e en só dous minutos o Poio certificaba a goleada con tres novos tantos conseguidos por Ceci, en dúas ocasións, un de lanzamento de falta e outro cun bo remate sen apenas ángulo, para redondear a conta Claudia, aproveitando un saque longo dende a portaría, cando as navarras intentaban reducir co xogo de cinco.
María Talavera recortaba distancias un minuto despois para as locais, pero xa sen opcións de poñer en perigo a xusta vitoria do equipo visitante.
ORVINA NAVARRA (3): Ana Etayo; Maite Villanueva, Mai Garde, Maialen, Sandra Soto -cinco inicial-, Irune, Cristina, Jessi, María Talavera, Bea Garde e Rebeca (p.s.).
POIO F.S. (7): Carmen; Peque, Elena, Kiko, Claudia -cinco inicial-, Ceci, Paloma, Yoly e Charo.
Árbitros: Carlos Guzmán Pérez e Luis Javier López Ara (Navarra). Amoestaron a Maialen, Mai Garde e Bea Garde, polas locais, e a Peque e Ceci, polo Poio.
Goles: (1-0) Minuto 3: Maialen. (1-1) Minuto 3: Peque. (1-2) Minuto 6: Ceci. (1-3) Minuto 8: Charo. (2-3) Minuto 27: Mai Garde. (2-4) Minuto 30: Cristina Reyero (en propia porta). (2-5) Minuto 33: Ceci. (2-6) Minuto 33: Ceci. (2-7) Minuto 34: Claudia. (3-7) Minuto 35: María Talavera.
Incidencias: Pavillón Ezkaba (Pamplona). Uns 300 espectadores.