Remontada do Teucro nos últimos dez minutos para arrancar un punto (28-28) en Palma del Río
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Non foi o mellor partido da tempada do Teucro e non obstante soubo tirar de casta para remontar un marcador que se lle puxera practicamente imposible, conseguindo empatar nos últimos dez minutos de partido, tras chegar ao 20 do segundo tempo cun inquietante 25-20, cinco goles de desvantaxe que aparentaban ser unha lousa insalvable.
Salvo os primeiros minutos, nos que os de Javier Barrios comezaron mandando, a iniciativa foi para o cadro local. Se ben é verdade que sen conseguir abrir brecha no marcador.
O apagamento eléctrico, mediada a primera parte, pareceu afectar máis aos azuis que ao cadro local, que ao continuarse o xogo lograba unha máxima diferenza de tres goles coa que marcharon ao descanso.
Os teucristas volveron máis entoados á pista e neutralizaron a diferenza, pero para volver entrar nun baixón de xogo que lles custou encaixar un parcial de 7-2 que deixaba o marcador nun 25-20 favorable ao cadro local, con só dez minutos por diante.
Pero se algo caracteriza este Teucro, aínda nos días menos inspirados, é a súa casta e espírito de loita. Lonxe de baixar os brazos devolveron o parcial aos seus rivais, e cun 3-8 ao seu favor evitaban a derrota, sumando un novo punto a domicilio.
ARS PALMA DEL RÍO (28): Caballero; Marc Abalos (2), Becerra, Antonio Caro, Corral (9), Dámaso Gómez, Manuel López, Jesús Martínez (5), Víctor Montesinos (2), Jesús Morales (4), Yoel Moreno (4) e Julio Morgado (2).
S.D. TEUCRO (28): Juan Bar, Dani Cadilla (p.s.); César Armán (1), David Chapela (7), Marcos Dorado (1), Borja Pedreira (1), Carlos García (5), David García Pichel (1), Tomás Moreira (4), Carlos Pombo, Alejandro Pombo (2), Miguel Porto (1), Víctor Rodríguez (4) e Miguel Sío (1).
Árbitros: Héctor Fraile Muñoz e Vicente Peris Orts (Valencia). Excluíron por dous minutos a Marc Abalos, Jesús Martínez, Víctor Montesinos, Yoel Moreno (2) e Julio Morgado polos locais, e a César Armán, David Chapela, Marcos Dorado, Borja Pedreira e David García Pichel, polo Teucro.
Marcador (cada cinco minutos): 1-3, 4-4, 7-6, 10-8, 12-10, 14-11 (descanso), 16-14, 18-18, 21-20, 25-21, 26-24 e 28-28 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal El Pandero (Palma del Río). Uns 150 espectadores. O partido estivo detido por espazo duns 20 minutos, na primeira parte, a consecuencia dun apagamento eléctrico.