![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/4cf/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MgJyq/Lzc52L8gt0zCwMdI_/_wNDHSSU/NKUot0SvILlKxrAQ==_/6151a33e09-1632732597268.jpg)
© Club Bádminton Ravachol Pontevedra
O Ravachol debuta como local cun duelo directo pola permanencia no Municipal
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A elite do bádminton nacional regresa a Pontevedra. O Pavillón Municipal acolle este sábado a disputa da terceira xornada de División de Honra, onde o Ravachol recibirá ao CB Benalmádena nun encontro que se presenta igualado e emocionante pola calidade de ambos os equipos.
A partir das 17.30 horas, o Municipal será testemuña dun duelo entre rivais directos pola permanencia. O Benalmádena, equipo consolidado desde hai anos na máxima categoría nacional, chega reforzado por fichaxes de primeiro nivel, nacionais e estranxeiros, polo que se presenta un duelo moi difícil de resolver para os locais, que poñerán toda a carne no asador para que os tres puntos queden en casa.
Tras dúas xornadas disputadas, o Benalmádena acumula dúas derrotas, mentres que o Ravachol Pontevedra unicamente disputou a primeira xornada, con derrota ante o IES La Orden de Huelva, xa que esta tempada ao ser grupos impares cada equipo descansa unha vez en cada volta.
O director deportivo do Ravachol, Jesús Pereiro, comentou na previa que "esta tempada non hai partidos fáciles, o nivel da liga subiu aínda máis e calquera descoido ou contratempo pode facerche gañar ou perder contra calquera, xogaremos as nosas cartas o mellor posible para conseguir a vitoria".
O xogador do primeiro equipo Manuel Brea sostén que "nos fai moita ilusión volver xogar en casa, esperamos dar o noso mellor nivel e sumar os primeiros puntos da tempada despois das boas sensacións da primeira xornada".