As irmás Andrea e Noelia Ínsua proclámanse campioas de España universitarias de judo
Por Redacción
Éxito do deporte marinense nos Campionatos de España Universitarios organizados pola Universidade Politécnica de Madrid, competición que se acaba de recuperar tras a pandemia cunha nómina de deportes aínda reducida.
Nun deles, o judo, dúas representantes de Marín conseguiron a medalla de ouro nas súas categorías. Trátase das irmás Andrea e Noelia Ínsua, do club Dom+ e ambas as dúas estudantes do campus de Pontevedra na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e en Fisioterapia respectivamente.
Por unha banda Noelia Ínsua venceu na categoría de -70 quilos derrotando na final a María Cabas, da Universidad Católica San Antonio de Murcia, conseguindo o triunfo na súa primeira participación no Nacional Universitario.
No que respecta a a súa irmá Andrea, participou no peso de -52 quilos derrotando na final a Paula Beorlegui, da Universidad Pública de Navarra.
Os grandes resultados do campus pontevedrés da Universidade de Vigo completounos o compostelán Anxo Fernández, alumno de Ciencias da Educación e do Deporte, ao conseguir a medalla de bronce na categoría de -90 quilos.
Os tres medallistas adestran habitualmente no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.