Sanidade aproba autorizar o 100% do aforo en estadios ao aire libre e o 80% en pavillóns
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Despois de moitos meses de restricións e problemas para dar cabida a todos os afeccionados, o deporte aproxímase á normalidade en relación aos aforos nos estadios e pavillóns.
O Consello Interterritorial de Saúde celebrado este mércores aprobou permitir que os recintos deportivos ao aire libre, como os estadios de fútbol, ocupen o 100% das súas localidades, mentres que nos recintos pechados como pavillóns a asistencia máxima será do 80%.
Esta medida entrará en vigor esta mesmo fin de semana, co inicio do mes de outubro, polo que será xa de aplicación nunha cita deportiva de gran expectación como o derbi pontevedrés da División de Honra Prata de balonmán entre Teucro e Cisne.
Segundo o acordado por Sanidade, nos recintos deportivos seguirá sendo obrigatorio o uso de máscara e só se permitirá o consumo de auga, o resto de produtos de comida ou bebida permanecerán vetados.