Reto mundialista en Romanía para a armada pontevedresa de piragüismo maratón
Por Redacción
O piragüismo pontevedrés ten unha cita importante esta semana coa celebración na localidade romanesa de Bascov do Campionato do Mundo de Maratón 2021.
Despois de dous anos sen competir en eventos internacionais, a armada pontevedresa nesta especialidade terá unha ampla representación en Romanía nunha competición que arrinca este xoves 30 de setembro e que se prolongará ata o vindeiro domingo 2 de outubro.
Os primeiros en entrar en acción, este mesmo xoves, serán os participantes de categoría júnior e tamén os das probas de maratón curto. Entre eles atópanse Tono Campos e Diego Romero (Breogán do Grove) no C-1 con saída ás 9.45 horas. Ademais ambos os dous estarán na proba longa individual do sábado (9.30 horas), na que Campos defenderá o título mundial logrado en 2019.
Pola súa banda Jenifer Casal (EP Ciudad de Pontevedra) estrearase o xoves ás 15.00 horas na carreira curta e competirá tamén o sábado ás 7.20 horas na longa.
O venres será a quenda para as categorías xuvenil e sub-23 con Lua Cubiella (Náutico O Muíño) e Sara Durán (Piragüismo Portonovo) no K-2 do mesmo xeito que Marta Mourelos (Breogán) facendo parella con Sandra Leira (Náutico de Miño). Ademais Jaime Duro (EP Ciudad de Pontevedra) estará na liña de saída do C-1 Sub-23, mentres que Adrián Prada e Joaquín Iglesias (Piragüismo Verducido) competirán no K-1 Sub-23
Por último o domingo competirán as embarcacións dobres con Tono Campos e Diego Romero facendo parella no C-2, proba que tamén correrá o incombustible Óscar Graña con José Sánchez (Kaiak Tudense). Na mesma categoría pero na proba feminina estará tamén Tania Álvarez (Breogán) xunto á lucense Tania Fernández.