Nova derrota do Poio Pescamar (1-3) fronte a un Gironella que fixo valer o seu maior oficio
Por Ramiro Espiño
Non foi un bo partido. O Poio Pescamar non tivo a súa tarde e deixou escapar os puntos ás mans dun Gironella que mostrou maior oficio e unha gran disciplina táctica, armas que foron suficientes para superar con xustiza as rapazas de Marcio Santos, que levaron a iniciativa do partido pero acusaron falta de ideas en ataque para superar a ordenada defensa catalá.
Por se fose pouco a sorte aliouse co cadro visitante, que se poñía moi pronto por diante no marcador cando un inocente disparo de Vieites daba en Ceci e despistaba a Silvia, entrando na súa propia portaría.
A mesma Ceci empataba cun lanzamento afastado que se coa entre as mans da gardameta visitante Noe. Parecía que o Poio podía repoñerse dun comezo cheo de dúbidas, e mesmo puido tomar a dianteira nunha gran xogada de Claudia que Yoly na boca do gol non acertou a culminar, estrelando o remate nas pernas da porteira visitante. Sería o comezo do fin para o Poio, porque apenas dous minutos máis tarde, nunha xogada similar, pero na outra portaría, o Gironella se adiantaba de novo, por medio de Vieites.
Tras o descanso o Poio seguiu mandando, pero sen xerar moito perigo. Aínda así Ceci tivo nas súas botas o empate nunha das poucas xogadas nas que as locais conseguiron superar o ordenado sistema defensivo do Gironella. Claudia fíxoo todo, pero coa portaría baleira Ceci disparou alto.
A sentenza chegou a falta de catro minutos, tras un rápido contraataque culminado por Anna Riera, que definiu con autoridade ante Silvia. As visitantes non perdoaron, xusto despois de que novamente Ceci estivese a punto de empatar sen acertar ante a porta rival.
Con catro minutos por diante Marcio ordenou o xogo de cinco, pero nin así lograron as rapazas do Poio inquietar seriamente a un equipo que se mostrou sobrio e seguro en todas as súas accións, levándose a vitoria como froito da súa maior solidez e experiencia.
POIO PESCAMAR (1): Silvia; Charo, Claudia, Ceci, Peque -cinco inicial-, Yoly, Kiko e Elena.
F.S. GIRONELLA (3): Noe; Anna Riera, Ingrid Carrillo, Claudia Pons, Vieites -cinco inicial-, Pilar, Berta, Lydia e Celia.
Árbitros: Daniel Dacal Deza e Enrique Lago Barreiro (Vigo). Amoestaron a Elena e Yoly no Poio e a Vieites no Gironella.
Goles: (0-1) Minuto 4: Ceci, en propia porta. (1-1) Minuto 8: Ceci. (1-2) Minuto 12: Vieites. (1-3) Minuto 36: Anna Riera.
Incidencias: Pavillón Municipal da Seca (Poio). Cheo.