Universitario Ferrol esmaga o Arxil (90-49) na semifinal da Copa Galicia
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Servicio especial para PontevedraViva. FERROL360 (Raúl Salgado):
Fiel reflexo do acontecido na pista, o 90-49 serviu para que o Universitario Ferrol accedese á final da Copa Galicia de baloncesto feminino. O Arxil viuse superado dende os compases iniciais por un conxunto, o de Lino López, que soubo aproveitar as súas virtudes e disimular os despistes propios do arranque de tempada.
Accións directas e contundentes valéronlle ás ferrolanas para perfilar boas conexións entre os seus referentes ofensivos. Por arriba, Ashley Arlen anotou 17 puntos, pero Marta Tudanca, Mireia Vila, Itziar Llobet e Beatriz Sánchez tamén superaron a ducia.
Malia o bo traballo de María Lago, tamén con 17 puntos, o escaso acerto ante o aro por parte das pontevedresas foi evidente dende o primeiro cuarto. Este finalizaba cun 27-13 a favor das da urbe naval, que no último período ampliaron notablemente a súa vantaxe fronte a un cadro notablemente desgastado.
De feito foi entón cando nin sequera os tiros libres acompañaron as da cidade do Lérez. A cambio, as anfitrionas atrevéronse con lanzamentos dende o centro da cancha. E a porcentaxe de acerto foi elevada. Reinou o bo ambiente no pavillón ferrolano, cunha entrada aceptable e afeccionados dos dous equipos.
Incursións seguras, pero sen maiores alardes, facilitáronlle ás de Esteiro o pasaporte para unha final, a deste sábado dende as 20:00 horas, na que se medirán ao Ensino. As lucenses superaron un enfrontamento moito máis igualado, ata vencer por 62-72 ao Celta.
A xornada completarase coa final da Copa Galicia EBA, dúas horas antes, entre Baloncesto Narón e Estudantes de Lugo.
UNIVERSITARIO FERROL (90): Pedrals (7), Tudanca (13), Mireia Vila (15), Llobet (13), Arlen (17) -cinco inicial-, Saray Calvo, Lucía Méndez (2), Anal Alejo (3), Beatriz Sánchez (14) e Carmen Fernández (6).
ARXIL (49): Ana Martín (3), Carla Fernández (4), Cristina Díaz-Pache, María Lago (17), Ashemade (11) -cinco inicial-, María González (3), Sandra Entenza (2), Andrea Carrera, Jara Tuda (2), Estefanía López (5) e María Quiroga (2)
Marcadores parciais: 27-13, 22-12 (49-25), 21-17 (70-42) e 20-7 (90-49, final).
Árbitros: Rilo e Igrexas. 18 faltas locais, 25 faltas visitantes. Eliminada Ashemade.
Incidencias: Pavillón de Esteiro (Ferrol). Uns 200 espectadores.