Combarro prepárase para un sábado de acuatlón
Por Redacción
Despois da súa suspensión en 2020 pola pandemia, o Acuatlón Concello de Poio regresa este sábado 11 de setembro coa que é a súa cuarta edición.
A proba foi presentada oficialmente este xoves coa presenza do alcalde, Luciano Sobral, a concelleira de Deportes, Marga Caldas, e representantes do Club Tríatlon Poio (Faustino Meis), Federación Galega de Tríatlon (Enrique Hernández) e secretaría xeral para o Deporte (Daniel Benavides).
A competición, con categoría de Campionato Galego da especialidade, disputarase nas categorías absoluta, sub23, júnior, e veteranos estando prevista a participación de deportistas de 30 clubs.
Combarro será o centro neurálxico da carreira, cun circuíto que no seu tramo a pé penetrarase no centro histórico.
En total os participantes completarán 1.000 metros a nado no peirao da Chousa, e 5.000 metros de carreira a pé.
"En anos anteriores xa foi todo un éxito tanto de participación como de organización", sinalou na presentación a edil Marga Caldas sobre unha competición que dará comezo ás 17.00 horas da tarde.